Máis de 50 negocios do tecido empresarial de Poio participan na campaña 'Quen é quen?'
Por Redacción
Apenas unhas semanas despois da súa estrea, a campaña 'Quen é quen?' está resultando todo un éxito, segundo valora o Goberno local. Esta iniciativa, que forma parte do programa Poio Confía, impulsado desde as concellerías de Promoción Económica e Turismo, lanzouse co obxectivo de dinamizar a actividade entre as empresas e profesionais dos negocios locais, aproveitando as datas de Nadal para o seu despegue.
Son máis de medio cento de establecementos os que apostaron por adherirse á campaña, a través da cal se ofrecen 5.000 euros en vales de compra e sorteos. Precisamente, na tarde do pasado martes 29 de decembro procedeuse ao sorteo de 10 cheques, por valor de 100 euros cada un, que as persoas agraciadas poderán gastar nos locais que forman parte desta rede. As participacións podían conseguirse efectuando compras nos negocios adheridos.
Tanto a responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), como o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), coinciden á hora de salientar a gran acollida que está a ter a iniciativa, tanto no que se refire ao alto número de inscricións de establecementos como ao nivel de compras que se están a rexistrar nos últimos días.
"A resposta está sendo magnífica, tanto é así que houbo negocios que non chegaron a poder adherirse dentro do prazo establecido, o que fala da gran demanda que está tendo 'Quen é quen'?" É por iso polo que o Concello non descarta que esta iniciativa teña continuidade no futuro, para seguir poñendo en valor os servizos e produtos dos establecementos locais, así como para dar visibilidade ao tecido empresarial do municipio, algo que "nestes tempos é moi necesario, debido ás consecuencias da pandemia da covid-19".
Entre os 52 establecementos adheridos, pertencentes ás cinco parroquias de Poio, atópanse negocios de todo tipo. Así, inclúense tendas de alimentación, cafeterías, bares, centros de fisioterapia, veterinaria, salóns de peiteado, ferraxerías ou autoescolas, entre outros comercios.
Esta variedade é un dos puntos fortes da campaña, xa que, tal e como recalcan Silvia Díaz e Gregorio Agís, "permite ás persoas que aposten por facer as súas compras nestes negocios dispoñer dunha maior variedade á hora de poder gozar dos descontos".
Neste sentido, cómpre lembrar que, á maiores dos 1.000 euros xa sorteados, repártense outros 4.000 euros en vales de compra, que se adquiren efectuando compras superiores aos dez euros. Estes vales pódense gastar en calquera dos negocios que forman parte da campaña. A iniciativa permanecerá operativa ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2021.
Ademais de fomentar as compras, tamén se aposta por dar unha maior visibilidade aos negocios, tanto a través da entrega de logos e cartelaría como tendo presenza nas redes sociais de Poio Confía. Nestes espazos virtuais, a veciñanza pode informarse sobre os servizos que ofertan, os produtos que poden adquirir e outros datos de interese no mapa interactivo, como emprazamentos e horarios.
"Con esta ferramenta apostamos pola dinamización do consumo de proximidade, fomentando o espírito de rede e comunidade entre o tecido empresarial e a nosa veciñanza", coinciden Agís e Díaz, que deixan claro que esta campaña vai alén da época de Nadal. "O obxectivo é consolidar esta sinerxia de cara ao futuro", indican.
Esta campaña vén a consolidar a filosofía do programa desenvolvido por Promoción Económica e Turismo, que defenden que "a través de unión é como podemos axudar a dinamizar e mellorar a sustentabilidade do tecido empresarial do noso concello nestes tempos tan complicados, provocados pola pandemia da Covid-19". Máis de 100 empresas de Poio foron xa asesoradas desde a posta en marcha do programa a principios do pasado verán.
Relacionadas:
-
Valoran positivamente a experiencia da campaña 'Quen é Quen?' con 52 negocios participantes
Por Redacción |
-
O mapa virtual de Poio Confía engade as farmacias adheridas ao programa de cribado poboacional
Por Redacción |
-
A campaña 'Quen é quen?' ofrece ata 5.000 euros en vales de compra
Por Redacción |
-
Así é o novo mapa virtual de Poio Confía
Por Redacción |
-
'Quen é quen?', unha cadea de descontos para premiar a fidelidade ao comercio local en Poio
Por Redacción |