Cerdedo-Cotobade abre os orzamentos municipais á participación telemática da cidadanía
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ultima os orzamentos municipais que levará á súa aprobación no vindeiro Pleno previa apertura dunha canle de participación da veciñanza a través da posta en servizo dun correo electrónico específico para recibir propostas e suxestións de cara a estas contas municipais.
O rexedor asegurou ter "a man tendida" a incorporar propostas "serias e realistas" dos outros grupos municipais, como xa fixo no pasado orzamento, que permitiu a abstención na votación do BNG.
Ante a imposibilidade de facer xuntanzas veciñais por lugares, por mor da pandemia da Covid-19, e co fin de enriquecer con aportación da veciñanza os orzamentos municipais, o Concello habilitou o correo administracion@cerdedo-cotobade.gal para que calquera persoa, asociación ou colectivo poida achegar propostas e suxestións para que as contas municipais gocen do maior apoio e participación social posible.
"A nós gústanos facer pedagoxía desde a administración pública e cando se fala da gobernanza e da implicación dos veciños na xestión municipal, hai que deixarse de politiqueos e abrir os recursos dos que se dispoñen á Concello de Cerdedo-Cotobade participación da veciñanza", dixo Cubela.
Para levar a cabo esta iniciativa de participación veciñal, o alcalde fará unha invitación pública a asociacións de veciños, comunidades de montes, asociacións culturais e deportivas, colectivos sociais, ANPAs e veciños en xeral para que se animen a presentar iniciativas, propostas e suxestións que contribúan a que Cerdedo-Cotobade sexa "o Concello galego máis aberto, transparente e democrático fomentando a cogobernanza co veciño e obtendo, como resultado, os mellores orzamentos para o ano 2021 grazas ao debate sosegado e ás aportacións do conxunto da sociedade a través do tecido social e a aportación individual dos seus membros".
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade inclúe no seu orzamento do Plan Concellos obras solicitadas pola cidadanía valoradas en medio millón
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade recibe 120 correos da veciñanza con 250 propostas aos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
O BNG propón a Cubela negociar os orzamentos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |