Paula Dapena: "Volvería repetir ese xesto unha e outra vez"
Por Manu Otero
O Concello de Pontevedra entregará o premio Cidade de Pontevedra, na súa categoría individual, á futbolista pontevedresa Paula Dapena polo seu compromiso na defensa do feminismo, a igualdade e a condena da violencia machista. Un recoñecemento que a futbolista nunca pensou recibir e que se considera afortunada pola repercusión dun xesto que "moitas persoas tamén fixesen se estivesen nese momento e lugar".
A deportista, de 24 anos de idade, graduada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e que actualmente cursa un máster de profesorado; foi portada dos informativos de todo o mundo ao negarse a gardar un minuto de silencio por Maradona, un xesto que lle granxeou miles de mensaxes de apoio, pero tamén múltiples ameazas e insultos dos fans máis incondicionais do astro arxentino que Dapena pensa denunciar diante da Policía.
- Parabéns polo premio Cidade de Pontevedra. Como estás?
Moitas grazas. Alégrame moito que un xesto como o que tiven representase a tanta xente e se valore. Non me esperaba que mo concedesen. Si que tivo moita repercusión e foi un xesto bonito, pero sei que moitas persoas tamén o farían se estivesen no momento e lugar para facelo. Eu creo que tiven bastante sorte de estar aí para poder facelo. Non pensaba que mo fosen a dar.
- É o premio de maior prestixio que se entrega na cidade de Pontevedra
Con todo o que pasou aínda non tiven moito tempo para procesalo. Foi todo moi rápido e non mo esperaba para nada.
- Agora que pasaron xa case dous meses desde que fixeches ese xesto que deu a volta ao mundo, como valoras todo o ocorrido?
Eu sentinme moi apoiada en todo momento. Volvería repetir o xesto unha e outra vez. Sei que agora teño a voz e son a cara para dar voz a moitas mulleres. Estou moi contenta.
- Recibiu mensaxes moi duras en redes sociais, non lle afectaron?
Ao principio levábao ben. Simplemente pasaba de todas esas mensaxes. Si que en canto empecei a procesar todo o que estaba a pasar, si que me afectou un pouco máis. Pensaba que por que tiña que aguantar eu todo iso se o único que fixen foi utilizar a miña liberdade de expresión e merézome respecto como todo o mundo. Si que foi complicado, pero con todo o apoio que tiven, esa parte quedou apartada e non chegou a afectarme tanto como podería facelo.
- Vai denunciar todas esas ameazas e insultos que recibiu a través das redes sociais?
Penso denuncialos. Pero é verdade que teño moitas mensaxes e estou aínda buscando todos os de ameazas e insultos para poder denuncialos. Pero si que teño pensado facelo.
- A súa opinión sobre a figura de Maradona segue sendo a mesma?
Sigo pensando igual. Non se debe separar ao deportista da persoa. O que fas na túa vida profesional afecta á túa vida persoal e viceversa. Creo que como foi Maradona na súa vida persoal non se debe esquecer nin perdoar así como así.
- Converteuse neste tempo nunha referente, polo menos a nivel local, da defensa do feminismo. Como vai seguir loitando polos seus ideais a partir de agora?
- Agora mesmo estou en dúas asociacións: Mocidades Feministas, agora na confluencia do movemento feminista de toda España, e Tamén con Docentes Feministas pola Coeducación. Estamos a traballar de maneira activa na axenda política do feminismo e eu colaboro como podo co tempo que teño.
Relacionadas:
-
Paula Dapena, premiada polo seu activismo feminista: "Homes autoidentificados mulleres están a quitarnos os lugares seguros"
Por Natalia Puga |
-
Paula Dapena comparte escenario con Ruth Beitia ou Leire Olaberria para defender a esencia do deporte feminino
Por Manu Otero |
-
O Concello compra 100 camisetas co nome de Paula Dapena para regalar a escolares
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra recoñece a "valentía" e o "compromiso" de quen "nos fixeron avanzar en momentos adversos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O persoal sanitario e a futbolista Paula Dapena, premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Lores agradece o xesto de Paula Dapena "en nome de todos os pontevedreses"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A negativa de Paula Dapena a honrar a Maradona, o xesto feminista do ano que se converteu en todo un símbolo
Por Natalia Puga |
-
Messi, sobre Paula Dapena e Maradona: "Cada uno es libre de opinar y hacer lo que quiera"
Por Alejandro Espiño |
-
Paula Dapena, "orgullosa" de ter "a oportunidade de dar voz a moitas" co seu xesto feminista sobre Maradona
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Paula, te apoyo porque eres valiente"
Por Natalia Puga |
-
A pontevedresa que se negou a gardar un minuto de silencio por Maradona
Por Natalia Puga |