Traballadores de Ence mobilízanse contra a Lei do Cambio Climático que pechará a fábrica no 2033
Por Manu Otero
"PSOE entérate, Ence non se pecha", con esta pancarta en contra do artigo 18 da Lei do Cambio Climático que se está fraguando no Congreso, os traballadores afiliados ao sindicato Comisións Obreiras de Ence anuncian mobilizacións contra este apartado da nova norma que contempla limitar a duración das concesións no dominio público marítimo terrestre, o que significaría extinguir a concesión da fábrica de Lourizán no ano 2033.
Coa prórroga por 75 anos concedida polo Goberno de Rajoy aínda nos tribunais, o traballador da fábrica e representante de Comisións Obreiras no comité de empresa, Rubén Fernández, criticou unha "lei que ameaza os nosos traballos". O enxeñeiro, despois de detallar como fracasou o intento do actual Goberno de modificar a lei de Costas, pasou a pormenorizar esta nova lei que conta co rexeitamento de grupos parlamentarios tan dispares como o PP, BNG, Ciudadanos ou Vox.
Se a lei sae adiante, a duración máxima destas prórrogas sería de 25 anos, polo que no 2033 Ence perdería todos os dereitos para permanecer na súa actual parcela de Lourizán. Alertou Fernández, que na comisión que redacta a nova norma os partidos anteriormente citados xa presentaron emendas para modificar o artigo 18 no seu apartado número 4. Con todo, son minoría e se non logran máis apoios a tramitación seguirá adiante e todo apunta a que será aprobada no segundo trimestre deste 2021.
"Afecta tanto a Ence como a toda a industria do mar", advertiu o traballador, para explicar por que os nacionalistas, contrarios á continuidade da pasteira en Pontevedra, posiciónanse tamén en contra do proxecto. Unha saída que satisfaría á empresa e os traballadores sería que a norma non fose retroactiva, o que permitiría a Ence manter a súa prórroga de 75 anos sempre que a Audiencia Nacional considere que a súa adxudicación foi legal.
"Esta situación está a afectar xa ao noso traballo coa perda de investimentos e competitividade", protesta Fernández explicando que nos últimos anos Ence investiu 100 millóns de euros na súa planta de Navia, en lugar da de Pontevedra.
Con todo isto, desde Comisións Obreiras puxéronse ao choio e xa teñen deseñado todo un calendario de manifestacións que comezan este venres. Ás 13 horas, desde o acceso á fábrica en Lourizán, partirá a pé un nutrido grupo de traballadores cara á Subdelegación do Goberno, onde se concentrarán e lerán un manifesto en contra da nova lei.
Unha semana máis tarde, concentraranse diante da sede da Deputación Provincial en Pontevedra. O 29 de xaneiro teñen prevista unha caravana de vehículos lixeiros á que están chamados todos os sectores que dependen da fábrica, mentres que o 5 de febreiro manifestaranse diante da sede local dos socialistas de Pontevedra.
"A intensidade podería ir aumentando en función do que nos digan nas reunións cos representantes políticos que temos previstas", avisan desde o sindicato coa mente posta nunha marcha a pé cara a Santiago ou unha caravana de camións.
Relacionadas:
-
Traballadores de Ence intensificarán as protestas ao fracasar as negociacións co PSOE
Por Manu Otero |
-
Traballadores de Ence maniféstanse contra a nova Lei do Cambio Climático, que podería pechar a fábrica no 2033
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
"Convencemento total" do director de Ence-Pontevedra de que os tribunais garantirán a prórroga na Ría
Por María José Pita |
-
Ence declara perdas de 42 millóns de euros no que vai de 2020
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional declara firme a sentenza que desestimou o recurso da APDR contra a caducidade de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia Nacional rexeita o intento de Ence de achegar novas probas na causa xudicial
Por Redacción |
-
Marea Galeguista cre que "o futuro da ría de Pontevedra pasa polo peche de ENCE"
Por Oskar Viéitez |
-
Ence traballa "intensamente na prórroga da concesión da biofábrica de Pontevedra ata 2073"
Por Redacción |
-
O PSOE sostén que 'Ence si, pero non aí' e aposta por unha mesa de negociación para o traslado
Por Redacción |