Piden á Deputación que fomente o teletraballo para reducir o número de traballadores en cada servizo
Por Oskar Viéitez
A Sección Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) na Deputación de Pontevedra presentou este luns ao Goberno provincial unha proposta de teletraballo para que sexa abordada no seo da Mesa de Negociación.
O secretario da sección sindical de CCOO na administración provincial, José Ramón Piñeiro Piñeiro sinala que "nos atopamos no peor momento da pandemia e a situación dos traballadores é de risco permanente, a pesar dos medios adoptados pola Deputación, co que a mellor maneira de loitar contra o virus é diminuír, en todo o que sexa posible, o número de traballadores en cada servizo".
José Ramón Piñeiro pide á presidenta da Deputación, Carmela Silva que convoque con "urxencia" a Mesa de Negociación e "que sente a negociar todo o tempo que sexa necesario para alcanzar un acordo e así contribuír de maneira eficaz á prevención e control do virus Covid-19".
Finalmente esta sección sindical expresa o seu desexo de que "esta negociación ten que servir ademais para modernizar a administración e mellorar a eficacia na prestación dos servizos".
TRAMITACIÓNS ELECTRÓNICAS
Nos últimos meses a mellora e impulso das canles dixitais da institución provincial para a relación coa cidadanía, unido ás novas necesidades que coa pandemia se fixeron máis patentes, supuxeron un grande incremento de tramitacións electrónicas.
119.357 usuarios visitaron a sede electrónica da Deputación en 2020, o que representa un aumento do 63% (en 2019 foron 73.050). Se xa esta porcentaxe de incremento é alta, máis o son no caso das páxinas visitadas e das sesións abertas. De 888.447 páxinas vistas en 2019, pasouse a 1.829.250 en 2020: un incremento do 105,8%. En canto ás sesións abertas, o incremento é aínda máis notorio xa que se pasou das 160.311 sesións de 2019 ás 364.396 sesións de 2020: isto supón un 127% máis que no ano anterior.
Relacionadas:
-
O PP alega contra o Regulamento de Teletraballo da Deputación e pide que estea máis "pegado á realidade"
Por Redacción |
-
O PP lamenta o "tempo perdido" na Deputación coa implantación do teletraballo
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputacion adaptará a normativa estatal sobre teletraballo incorporando a perspectiva de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación abordará cos sindicatos novas propostas de conciliación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación elaborará un informe alertando do temor a que as mulleres volvan quedar invisibilizadas tras o teletraballo
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "O teletraballo nada ten que ver coa conciliación"
Por Oskar Viéitez |