Un estudo en 3D da Pontella de Segade será a base para a súa rehabilitación integral
Por Redacción
Caldas de Reis acaba de finalizar o levantamento topográfico tridimensional e sobre o estado actual de detalle da Pontella de Segade que serve como paso previo imprescindible no proceso de rehabilitación integral desta infraestrutura, deteriorada polas crecidas do río Umia.
Os traballos foron realizados pola empresa especializada TOPODEL, e dirixidos polo seu enxeñeiro técnico agrícola, Javier Rodríguez Gil.
O obxecto deste traballo foi o de crear a documentación gráfica necesaria para poder coñecer ao máximo detalle a situación actual da ponte e así acometer con garantías o posterior proxecto de conservación e recuperación impulsado polo Concello.
O estudo componse de múltiples imaxes tridimensionais extraídas de ata 46 posicións de escaneado diferentes de máxima calidade que permiten extraer unha definición completa do estado do modelo formado polo volume da ponte e da súa contorna.
Tamén se realizou a definición do leito do río mediante o levantamento topográfico no que se radiaron ata 400 puntos. Paralelamente acometeuse o levantamento fotogramético do solo da ponte coa toma de 735 fotografías.
Este estudo é necesario para obter a definición gráfica desta ponte histórica, xerando planos e unha ortoimaxe tridimensional mediante láser e escáner que servirá de base gráfica para o proxecto de restauración e para deixar documentado de xeito técnico o seu estado.
O Concello xa desenvolveu no pasado mes de setembro un programa de actuacións urxentes de reparación na Pontella de Segade destinadas a devolverlle a estabilidade ao conxunto danado polas crecidas do río.
Estes traballos foron dirixidos a restablecer a cota orixinal do alicerce e do piar central desencaixados polas continuas crecidas do pasado inverno e así recuperar o nivel horizontal da ponte e permitir que a cota de apoio dos linteis de paso volvesen á súa posición natural.
Unha vez efectuadas estas actuacións previas o Concello continuará co proceso para levar a cabo rehabilitación integral deste elemento patrimonial.
A intervención enmárcase no plan municipal Pontes de Caldas, un programa no que tamén se están realizando actuacións previas de documentación, limpeza, control estrutural e de restauración para a Ponte Romana do Bermaña, a Ponte Romana de Segade ou a Ponte da Ferrería, entre outras.