As autoridades destacan o "efecto" da covid-19 no aumento de estafas por internet e de malos tratos
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os datos provisionais do 2020 sobre delincuencia e infraccións penais.
A pandemia da covid-19 tamén se fai notar neste ámbito, porque delitos habituais como roubos en domicilios e comercios reducíronse. Pola contra, increméntanse as estafas leves pola rede e tamén a violencia machista.
Nas zonas de Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín e Vilagarcía, que son competencia da Policía Nacional, constatouse un descenso das infraccións penal dun 10,35%. Con todo, os malos tratos subiron un 8%, os delitos contra a liberdade sexual, un 11%; e os delitos leves con tarxetas bancarias disparáronse un 42%.
No lado positivo está que o esclarecemento dos delitos subiu ata o 42,96%, "moi por encima da que se rexistra na comunidade autónoma e no resto do país", subliñou Larriba. Ademais, Pontevedra lidera o ranking das principais cidades da provincia nas que caeu a criminalidade cunha baixada do 17,22%, mentres que en Vilagarcía fíxoo un 15,44% e en Marín un 0,81%.
Pola contra, na demarcación da Garda Civil, as infraccións penais aumentaron un 2,85% no conxunto da provincia.
"A explicación deste incremento téñenas as cifras das estafas na rede, que creceron o ano pasado en máis dun 145%. Son cifras moi altas que fan que as estatísticas xerais lancen ese dato positivo", explicou a socialista. Con todo, o resto de roubos e delitos graves si que descenderon.
En cambio, do mesmo xeito que nas zonas urbanas, no rural tamén se incrementaron os casos de violencia machista, que subiron un 3%.
Na reunión participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o capitán do subsector de tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
Relacionadas:
-
Destacan o "comportamento exemplar" dos pontevedreses ao cumprir de forma masiva as restricións fronte á covid-19
Por Redacción |
-
As autoridades estarán "moi vixiantes" cos peches perimetrais e as limitacións á hostalería e ao comercio
Por Redacción |
-
Primeira visita institucional do novo subdelegado de Defensa á Subdelegación do Goberno
Por Mónica Patxot |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |