Pontevedra, Sanxenxo, Marín e Bueu seguen bebendo a auga do Pontillón
Por Oskar Viéitez
Os municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín e Bueu seguen bebendo a auga do encoro de Pontillón do Castro ante a insuficiencia do caudal do río Lérez para poder atender a subministración.
O nivel do Lérez no punto de captación de Monte Porreiro descendeu do nivel dun metro polo que, dende o pasado sábado 14, se volveu utilizar a auga do encoro de Verducido que se encontra ao 89% de ocupación cunha capacidade de 1,5 millóns de metros cúbicos de auga.
Segundo o voceiro do goberno municipal e responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González, "nestes momentos a situación é estable" asegurando que "esta garantido o abastecemento á poboación" tanto para a subministración doméstica como o industrial.
Raimundo González explicou que "o consumo de auga segue sendo moi elevado para esta época do ano", situando a cifra en 32.000 metros cúbicos ao día o que supón "un 25% máis que o ano pasado" debido a que "os concellos veciños están a consumir moita máis auga ao ter esgotados os seus mananciais".
REVISION PREZOS ACUAGEST
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra procedeu este luns á revisión da retribución de Aquagest, a empresa concesionaria do servizo da auga no municipio. As tarifas son de 38,17 euros por metro cúbico de auga e 20,55 euros por metro cúbico de alcantarillado.