Denuncian que os fondos europeos irán ás grandes empresas "que nos levaron a esta crise"
Por Redacción
Doce localidades galegas, entre elas Pontevedra e Vilagarcía, foron escenario dunha concentración por parte de membros de organizacións ecoloxistas, sindicais, políticas e sociais para expresar a súa preocupación polo reparto dos fondos europeos de recuperación.
Este programa, coñecido como Next Generation, estase a deseñar, segundo os manifestantes, con "escurantismo" e sen participación pública. Advirten que eses fondos acabarán nas mans das "mesmas grandes empresas" e sectores industriais "que nos levaron a esta crise".
Os colectivos lamentan que o goberno galego pretenda "repartir o pastel" sen contar o tecido social que máis sufriu a crise, especialmente a pequena e mediana empresa e o sector sociosanitario, deixando fóra a unha parte maioritaria da sociedade.
"Polo que se vai sabendo están enfocando unha gran parte dos recursos cara a industria enerxética e as empresas que pretenden lucrarse cun novo espolio dos recursos do sector forestal galego", lamentan estas asociacións.
Así, esixen que os gobernos estatal e galego modifiquen os criterios de reparto dos fondos dando entrada á participación da sociedade civil na toma de decisións e nos criterios de adxudicación e a inclusión de estritos controis ambientais e sociais nos proxectos.
Entenden que estes fondos de recuperación deben priorizar a contratación de proxectos estratéxicos de desenvolvemento local e centrar o seu orzamento nunha transición ecolóxica "verdadeira" e a descarbonización da economía para combater o cambio climático.
Ademais, reclaman que os proxectos recollan unha perspectiva de xénero e combatan a desigualdade, que fomenten a colaboración público-comunitaria ou que primen o apoio de iniciativas de persoas autónomas, labregas, mariñeiras artesás, cooperativas e pemes por ser os segmentos que máis empregos xeran e máis repartidos están por toda a xeografía galega.
Os fondos, segundo estas organizacións, tampouco deben esquecer destinar máis investimento para a saúde, a educación, a investigación, os coidados e a cultura.
Relacionadas:
-
O plan estratéxico provincial de fondos europeos mobilizará 300 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Apelan á colaboración público-privada para captar fondos europeos que potencien o atractivo turístico da provincia
Por Redacción |
-
Galicia e o norte de Portugal reclaman "reforzar" o papel das cidades na era poscovid-19
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |