VÍDEO.- Preto do 80% da veciñanza de Poio convocada polo Sergas acudiu ao cribado
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, amosou a súa satisfacción polo alto índice de participación que se está a rexistrar no cribado poboacional realizado polo Sergas na explanada da Seca, onde preto dunha ducia de persoas, entre Policía Local, Protección Civil e operarios municipais, están a velar polo bo funcionamento do dispositivo de tráfico organizado para evitar aglomeracións e garantir a axilidade na recollida e entrega de recipientes e mostras.
Segundo explica o rexedor, que a primeira hora deste luns visitou a zona do cribado, "temos constancia de que preto dun 80% das persoas convocadas xa participaron", o que amosa "o compromiso da cidadanía neste proceso, que resulta indispensable para detectar casos asintomáticos e, deste xeito, facer unha radiografía o máis exacta posible sobre a incidencia da covid-19 no noso concello".
Sobral confía en que este ritmo de participación se manteña durante este luns e a xornada do martes, que será cando finalice o cribado. A día de hoxe, segundo datos facilitados pola Consellería de Sanidade, Poio conta con 409 casos activos, seis menos con respecto á xornada de onte.
"Levamos xa varias xornadas nas que, primeiro, se freou o incremento de contaxiados e mesmo con descenso no número de casos. É unha boa nova, pero mal fariamos en confiarnos", advirte o alcalde, que insistiu, unha vez máis, na importancia de apostar polo autoconfinamento, evitar calquera tipo de visitas ou encontros entre non convivintes e, en definitiva, respectar as restricións vixentes.
Sobral tamén se amosa satisfeito da boa coordinación existente entre o Concello e o persoal sanitario encargado de realizar este cribado. "Estamos á súa disposición en todo momento, como xa sucedeu nos cribados que se fixeron anteriormente en Poio".
Ademais, quixo agradecer a implicación e colaboración amosada por Pescamar e polo sector marisqueiro, á hora de dar facilidades á hora de desenvolver o dispositivo de tráfico e a instalación das infraestruturas necesarias.
Precisamente, outra cuestión na que incidiu o alcalde de Poio foi no bo funcionamento do dispositivo organizado polo Concello na Seca, para garantir o correcto desenvolvemento do cribado. Luciano Sobral louvou o "espectacular traballo" que están a realizar tanto os axentes da Policía Local como os voluntarios de Protección Civil, así como os traballadores municipais que tamén colaboran neste operativo.
Segundo cálculos do corpo de seguridade, pola Seca xa pasaron preto de 5.000 vehículos desde o inicio do cribado. É no acceso desde a PO-308 onde se produce unha maior afluencia de tráfico, pero, salvo en momentos moi concretos, o tránsito transcorre con fluidez.
A carpa para a recollida dos recipientes atópase nas inmediacións da explanada das autocaravanas e do ximnasio municipal, mentres que a entrega das mostras se realizan noutra carpa emprazada nas inmediacións da sede da Comunidade de Montes de San Xoán.
Relacionadas:
-
O cribado realizado en Poio detecta 41 positivos entre as máis de 6.000 mostras analizadas
Por Manu Otero |
-
Sorprenden 'in fraganti' un hostaleiro de Combarro servindo bebidas dentro do seu local
Por Redacción |
-
Luciano Sobral estudará solicitar máis cribados masivos segundo a evolución pandémica en Poio
Por Redacción |
-
Tres novos falecementos en Montecelo por covid, nunha xornada onde Sanidade notifica 40 mortes en Galicia
Por Redacción |
-
Masiva asistencia da veciñanza de Poio ao cribado organizado por Sanidade na Seca
Por Redacción & Cristina Saiz |