Suspenden por segunda vez un xuízo contra unha acusada de estafar e roubar á persoa dependente á que coidaba
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra volveu a suspender este martes o xuízo previsto contra R. P. F, unha acusada de roubar xoias e diñeiro á muller dependente á que coidaba, que quedou nunha situación económica "moi delicada e precaria". Deixouna sen diñeiro aforrado e sen as xoias que destinaba a pagarse o custo da atención e axuda de terceiras persoas que necesita "imperiosamente" para a gran maioría de actos da súa vida, incluídos os máis básicos de hixiene e físicos.
A vista xa se aprazou en novembro porque as partes estaban a negociar un acordo de conformidade e sinalouse para este martes, pero tampouco puido celebrarse porque a acusada púxose enferma. A Audiencia recibiu este luns un informe médico que acredita que está enferma.
O xuízo volveuse a fixar para o 25 de febreiro. Ese día, a acusada deberá render contas por uns feitos polos que a Fiscalía pide que sexa condenada a nove anos e medio de prisión, cinco anos como autora dun delito continuado de roubo con forza e catro e seis meses por un delito continuado de estafa.
Ademais, o ministerio público pide que pague unha multa de 4.320 euros e indemnice á súa vítima con 49.955,66 euros, dos que 10.450 correspóndense con diñeiro obtido a través das transferencias fraudulentas; 16.505,66 polo valor de xoias subtraídas, vendidas e non recuperadas (13.754,72 + un 20% polo valor de afección ou apego ás xoias familiares); e 23.000 por diñeiro retirado dunha conta da acusada; ademais de todas aquelas cantidades que se acrediten no xuízo por todos os danos e prexuízos sufridos.
A acusada, R.P F., traballou en casa da súa vítima en Pontevedra entre xuño de 2017 e abril de 2018 (con contrato de outubro a marzo), realizando labores do fogar e de coidado persoal da súa xefa, que ten moitos problemas de saúde e moi graves dificultades de mobilidade, polo que debe desprazarse necesariamente en cadeira de rodas, e é dependente para moitas tarefas básicas da vida diaria.
Para realizar os seus quefaceres a acusada dispoñía dunhas chaves da vivenda e tiña acceso a todas as dependencias da casa. En moitas ocasións tamén acompañaba á súa xefa a xestións bancarias ou lle axudaba a realizalas persoalmente polo que, debido á boa relación e confianza existente entre elas, facilitoulle o PIN da súa tarxeta bancaria e as claves de acceso á súa banca electrónica.
Por esa boa relación, a pesar de que en abril de 2018 deixou de traballar con ela, adoitaba visitala regularmente. Ademais, quedou cunha copia das chaves sen autorización.
Aproveitándose das graves dificultades físicas da dona, da familiaridade e apego coa mesma, de que coñecía os seus horarios de paseos de mañá e tarde, do libre acceso que tiña a todas as habitacións da casa mentres traballou alí e da facilidade para seguir visitando o domicilio despois, de que dispoñía de chaves para acceder ao domicilio e de que tiña acceso á chave da caixa forte, sen contar en ningún momento co coñecemento e consentimento da dona, realizou 23 transferencias de diñeiro mediante banca electrónica desde a súa conta, foise apoderando das xoias e obxectos de valor que gardaba na caixa forte -e vendeu en dous establecementos de compravenda de Pontevedra e fixo uso da tarxeta de crédito para extraer diñeiro.