189.000 euros para mellorar o interior da Escola de Música de Tenorio
Por Redacción
A Escola de Música de Tenorio será reformada no seu interior pola empresa Eicros Xestión, S.L., ao gañar o concurso público, que contaba cunha cantidade de 158.861 euros de orzamento para realizar as obras de mellora das instalacións.
Esta empresa impoñíase a outras catro neste procedemento aberto. A entidade comprométese a realizar investimentos a maiores por valor de preto de 30.000 euros.
Segundo o goberno local de Cerdedo-Cotobade, a obra permitirá mellorar as instalacións existentes nesta Escola de Música e continuar coa actividade de uso público para fomentar a educación musical e outros usos de tipo sociocultural.
Grazas ás melloras presentadas pola empresa adxudicataria dotarase ao edificio, entre outras propostas, de panelado de carballo e pladur, iluminación do salón de actos, cambio do escenario, rotulación da escola e do propio salón de actos, instalación de fotomurais personalizados, zócalos de protección nas aulas, paneis acústicos, impermeabilización da medianeira e creación de xardineiras exteriores.
Jorge Cubela, alcalde do municipio, manifestou a súa satisfacción polo nivel competitivo mostrado polas cinco empresas que optaron a este concurso público de mellora das instalacións dunha "infraestrutura sociocultural de gran importancia para a parroquia de Tenorio".