O Concello pide unha subvención á Xunta para reformar a escola de música de Cerdedo
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, solicita ao vicepresidente da Xunta unha subvención de 50.000 euros para a mellora integral da Escola de Música de Cerdedo. É un proxecto valorado en 76.000 euros que se completará con fondos do Plan Concellos da Deputación.
Esta axuda solicitada á Xunta enmárcase dentro do programa autonómico de colaboración con concellos en materia de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
O importe destinarase ao revestimento dunha das fachadas con sistema de illamento térmico para corrixir problemas de humidades na zona de aseo e na contigua.
Tamén se pretende urbanizar o espazo de acceso que consiste no cambio de pavimento e instalar novo mobiliario. Así mesmo, crearase un vestíbulo de entrada entre as dúas aulas. Outra das intervencións pasa pola unión das dúas aulas situadas na planta baixa a través da demolición do tabique que as separa para crear un gran espazo de ensaio.
As obras aproveitaranse para substituír as xanelas e colocar tarima flotante na nova sala e nas da planta superior. O aseo do primeiro piso será tamén remodelado.