Pontevedra estreará na primavera dúas liñas circulares de transporte urbano
Acordo pechado. Pontevedra terá dúas liñas de transporte público urbano que, de maneira circular, conectarán de forma regular toda a cidade. Estarán en funcionamento a partir do segundo trimestre do ano, segundo confirmaron a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
Estas liñas, que se crearán a través dun convenio de colaboración entre ambas as dúas administracións, substituirán ás actuais liñas do contrato metropolitano, aumentando as expedicións e a lonxitude dos percorridos.
A primeira destas liñas será a que percorra o trazado Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril. Será a coñecida como liña 1 ou "liña verde" e arrancará da estación de autobuses.
A continuación, os autobuses pasarán por Campolongo a través de María Victoria Moreno e Manuel del Palacio antes de percorrer todo Beiramar e rodear o Recinto Feiral. Subirá cara Monte Porreiro pola Seca e Os Campos, tras pasar polo CGTD.
A volta, desde a Rúa Alemaña, rodeará todo o barrio de Monte Porreiro antes de iniciar a súa marcha por un trazado practicamente idéntico ao da ida, a excepción do paso polo CGTD, xa que os autobuses irán cara a Xunqueira por José Malvar.
A "liña azul" ou liña 2, Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia, terá inicio e final no intercambiador da Praza de Galicia. Tras pasar por Campolongo a través de María Victoria Moreno e a estación de autobuses, o trazado irá por Doce de novembro cara os xulgados.
A continuación, os seguintes pasos dos autobuses serán a futura Avenida Virxinia Pereira, o cemiterio de San Amaro, a cidade infantil Príncipe Felipe e o hospital Montecelo, antes de dirixirse cara Monte Porreiro de novo por Os Campos.
Tras completar o percorrido, que chegará tamén ata a Rúa Alemaña, o traxecto de volta volverá rodear todo o barrio e regresará cara Montecelo. A única diferenza coa ida é que, no canto de ir cara á Parda, baixará pola Avenida de Lugo e Loureiro Crespo antes de conectar con Doce de novembro e dirixirse cara a estación e a Praza de Galicia.
Estas liñas substituirán ás dos contratos de transporte interurbano actuais: estación de autobuses-Residencia Montecelo, estación de autobuses-estación de autobuses, Jofre de Tenorio-Monte Porreiro-Jofre de Tenorio e Monte Porreiro-A Xunqueira-Jofre de Tenorio.
O Concello deberá achegar un investimento de 146.000 euros ao ano para sufragar estes servizos, que requirirán da incorporación de dous autobuses máis no contrato. O convenio estará en vigor desde que a súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2024.
A Xunta achega preto de 500.000 euros ao ano en concepto de obrigas de servizo público para o mantemento do contrato de transporte público do que forman parte as liñas obxecto o convenio co Concello de Pontevedra.
BONIFICACIÓNS
Por outra parte, o segundo convenio ten como obxectivo establecer un sistema de bonificacións tarifarias nos servizos internos, compatible co conxunto das viaxes no Plan de Transporte Público de Galicia e coa futura Área de Transporte de Galicia na que está a traballar a Xunta.
Este acordo permitirá bonificar como mínimo 0,50 euros en todas as viaxes internas no termo municipal de Pontevedra. Tamén se bonificarían integramente todos os transbordos realizados neste tipo de percorridos.
O importe das bonificacións sería abonado polo Concello, supoñendo o investimento anual de 145.000 euros.
Estes descontos sumaríanse aos que xa se aplican por recorrencia grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, resultando unhas tarifas medias inferiores ás actuais.
VIAXES GRATIS COA TARXETA 'XENTE NOVA'
Ademais destes novos incentivos, os menores de 21 anos poderán viaxar gratis en autobús coa tarxeta Xente Nova que financia a Xunta.
Un total de 5.241 menores de 21 anos da área de Pontevedra viaxaron de balde o ano pasado no autobús interurbano grazas ao emprego da tarxeta Xente Nova implantada pola Administración autonómica na zona a mediados de 2020
De modo máis concreto, estes rapaces realizaron o ano pasado un total de 174.462 viaxes, que supuxeron un importe de case 225.000 euros en bonificacións.
Nesta área, Pontevedra e Marín son os que suman máis tarxetas Xente Nova activas, con 2.449 e 1.221 respectivamente.
Este dispositivo, cuxo uso se estenderá nos vindeiros meses ao conxunto da comunidade, contribúe á economía das familias e facilita o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente á non obrigatoria.
Relacionadas:
-
As viaxes no transporte público de Pontevedra custarán 0,85 céntimos
Por Alejandro Espiño |
-
Trámites administrativos obrigan a atrasar a xullo as novas liñas de transporte urbano
Por Alejandro Espiño |
-
As dúas liñas de transporte urbano operarán desde o 1 de xuño e pasarán cada media hora
Por Alejandro Espiño |
-
O Ministerio de Transportes colaborará con Pontevedra polos obxectivos da Axenda 2030
Por Redacción |
-
A plataforma de transporte compartido a demanda funcionará a finais de 2022 para dar servizo ao rural
Por Redacción |
-
Preto de cen liñas de transporte interurbano entrarán en funcionamento o 23 de decembro en Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
A Xunta salienta o avance nas negociacións co Concello de Pontevedra para reforzar o servizo de transporte público
Por Oskar Viéitez |