O Concello aborda a convocatoria das subvencións para as ANPA
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación as bases da convocatoria de subvencións para Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) de centros educativos de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Infantil e/ou obrigatorias.
As ANPA disporán dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación no Boletín Oficial da Provincia, para presentar as súas solicitudes a estas axudas, que permitirán sufragar as accións desenvolvidas no eido da educación durante o curso escolar 2020/2021 e para as que se destinou unha achega económica de 24.670 euros.
A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade á que se aplique.
Tino Fernández explica que estas subvencións teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia "para fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as ANPA e que poidan ser consideradas de interese educativo, como a promoción do deporte, a ocupación do tempo libre ou a promoción da cultura".
No que se refire aos criterios para a concesión de subvencións teranse en conta aspectos como o número de alumnos participantes nas actividades, a porcentaxe de participación e a repercusión e contidos do proxecto.