A Xunta de Goberno aprobará o luns a convocatoria das subvencións do curso 2021-2022 para as Anpa
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o vindeiro luns 7 de febreiro á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación as bases e a convocatoria para a concesión das axudas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) que desenvolvan accións no eido da educación durante o curso escolar 2021-2022. O Concello de Pontevedra destinou ao financiamento destas subvencións un importe máximo de 24.670 euros, imputados ao orzamento de gastos do ano 2022.
Tino Fernández avanza que a convocatoria que irá a Xunta de Goberno "ten por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións, en réxime de libre concorrencia, para fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa de centros educativos do concello de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e/ou ensinanzas obrigatorias". Estas axudas destínanse a proxectos e accións que fomenten actividades dirixidas á comunidade educativa en xeral e consideradas de interese educativo, como son "promoción do deporte, ocupación do tempo libre e promoción da cultura", sinala o edil do PSOE.
Tino Fernández explica que a contía da subvención estará en función do custo dos programas ou actividades, sendo o custo mínimo establecido para a súa concesión de 500 euros ou a parte proporcional en función do custo total da actividade. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade que vai desenvolver o beneficiario. A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade á que se aplique.
As Anpa interesadas poderán presentar as súas instancias coa correspondente documentación solicitando a subvención a través da sede electrónica municipal (http://sede.pontevedra.gal/) no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica do Concello de Pontevedra.
Desde a Concellería de Educación lémbrase que as deficiencias no expediente de solicitude e as omisións nos documentos preceptivos deberán emendarse, previo requirimento, no prazo de 10 días desde a data da notificación. De non emendarse, terase por desistido da súa petición, sendo arquivada previa resolución.