Ravella, Alfageme, Torrón, Durán, Tapias, Barreras, Massó, Portanet, Escofet, Puig, Domenech, Nonell, Buhígas, Jover, Paratcha, Curbera, de Haz... máis que oito apelidos cataláns que chegaron a Galicia no século XVIII. Que buscaba aquela migración catalá nas rías galegas? é unha das cuestións que expomos ao invitado do 'Cara a cara', Joel Cava, técnico de comunicación, catalán e afincado en Galicia actualmente.
É, xunto a outros paisanos, o promotor do Casal Català de Galicia; que por agora aínda non ten unha sede física, pero en cuxo obxectivo están a traballar. A intención da iniciativa, xurdida o pasado decembro, é ofrecer un espazo de reunión para os máis de 15.000 cataláns que actualmente viven e traballan en Galicia "e tamén acercanos aos galegos que queiran coñecer mellor Cataluña" expón en PontevedraViva Radio.
Buenaventura Marcó del Pont foi pioneiro e responsable da chegada de decenas de miles de cataláns que se asentaron en Vigo, nas Rías Baixas e Rías Altas, desde mediados do século XVIII ata comezos do XIX. Unha historia non exenta de resquemores, pero tamén de intercambios artesanais, emprendementos empresariais e vínculos matrimoniais que chegan ata a actualidade.
A industria conserveira ou a naval son testemuño desta historia na que conflúen ambas Comunidades. Pegadas mutuas que poden atoparse noutras tradicións como as Monas de Pascua, costume mediterránea con evidente reflexo nesta Galicia atlántica; ou nese doce de entroido tan galego como as orellas que tamén se consomen en Cataluña co nome de ' orelletes', no mes de marzo.