Chamamento para concentrarse a favor da Sanidade Pública: "a pandemia está a sacarse grazas á pública"
Por María José Pita & Mónica Patxot
Este sábado 27 de febreiro a Praza da Peregrina será o escenario dunha concentración convocada por catro sindicatos que traballan para evitar o desmantelamento dos medios públicos. A cita será ás 12:00 e realizarase simultaneamente en máis de 50 localidades de todo o territorio nacional.
Nesta concentración haberá unha mesa informativa e proxectaranse vídeos explicativos para que toda a cidadanía coñeza as implicacións do desmantelamento da Sanidade Pública. Nestes tempos púxose de manifesto máis que nunca a necesidade de manter os servizos públicos: "a pandemia está a sacarse grazas á pública, grazas aos traballadores e á cooperación que poidan facer os cidadáns nun momento dado coa súa paciencia para esperar todo o que está a derivar desta pandemia", declara María Torre, representante do Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP).
Tamén nas vacinacións evidenciouse unha mala xestión dos recursos públicos, unha situación que queren denunciar coas súas protestas. Desde o sindicato de sanitarios galegos apuntan á situación xerada noutras comunidades onde se contratou o servizo de empresas privadas para axilizar as vacinacións, alegando que o sistema público non está preparado, cando a realidade é outra. "Imos investir na pública, imos traballar cos traballadores da pública onde moitos de nós, ante un plan de vacinación masivo, habería voluntarios dabondo para ternos facendo vacinación, pero non, decídese facer doutra maneira para mostrar que somos incompetentes e iso é unha mentira, é perverso", explica María Torre.
Ao fío do caos nas vacinacións ao profesorado, interviña Belén Asensi, a representante na provincia de Pontevedra do Sindicato de Traballadores e Traballadoras de Ensino de Galiza (STEG). Denuncia que aos sindicatos do sector do ensino non se lles facilitou ningún tipo de información sobre como se ía a organizar o proceso de vacinación dos docentes: "ata onte non tivemos ningunha información por parte da Consellería, tivemos unha reunión a última hora onde nos informaron un pouco de como ía ser a vacinación, o que pasa é que levaban dous días vacinando, desde o luns e a xente non sabía como ía o asunto, a información por parte da Consellería foi simplemente mandando un sms a cada profesor onde se lle convocaba para o día seguinte, hora e lugar, sen máis, e o profesorado totalmente descolocado chamándonos aos sindicatos para informarse e por parte da Consellería houbo unha desculpa pero nada máis".
O problema da vacinación do profesorado evidencia para os profesionais, tanto do ensino como sanitarios, unha desorganización derivada do paulatino desmantelamento da Sanidade Pública desde a promulgación en 1997 da Lei sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde Xeral, para a que piden a súa derrogación, dado que abría as portas ao apoio de empresas privadas en servizos puntuais pero que máis de vinte anos despois foi unha escusa para unha privatización paulatina dos medios públicos, cunha diminución do servizo para os cidadáns. A evidencia é que a estas alturas aínda non hai un plan de vacinación, "cando ti preguntas pola información e polo plan funcional da vacinación dinche que non poden facer un plan porque a información do Sergas ou a nivel central, ao non saber a dotación de vacinas que van ter, é imposible facer un plan, e nós consideramos que isto non debería ser así porque debería haber un plan A, un plan B", laméntase María Torre, como profesional do ámbito sanitario.
RECUPERACIÓN DUN SISTEMA PÚBLICO
A mobilización deste sábado 27 recolle as reivindicacións de preto de 200 colectivos de todo o Estado que alertan da necesidade de recuperar o sistema público. A organización en Pontevedra corre a cargo de catro sindicatos, entre os que destaca a presenza do colectivo sanitario pero tamén do ensino, dous ámbitos que, sumado ao das pensións, os convocantes consideran que deben manter o seu carácter público e accesible a toda a cidadanía.
Coordinadora Antiprivatización da Sanidade (CAS), Confederación General del Trabajo (CGT), Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP) y Sindicato de Traballadores e Traballadoras de Ensino de Galiza (STEG) convocan esta protesta na que reivindicarán os seguintes puntos:
- Derrogación da lei 15/97 e do artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade
- Atención primaria centrada na saúde colectiva
- Supresión das redes paralelas
- Incompatibilidade público-privada
- Rescate de todo o privatizado
- Por unha industria sanitaria e farmacéutica pública
- Sanidade para todos e todas, independentemente da situación administrativa
- Coidados dignos para a nosa xente maior
- Por un sistema sanitario centrado nos determinantes sociais da saúde e a enfermidade
Relacionadas:
-
Protesta na Peregrina en defensa da sanidade pública
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O profesorado, "indignado" pola xestión da vacinación: a clase con efectos secundarios para garantir a atención ao alumnado
Por Natalia Puga |
-
Concentración na Peregrina en defensa dos servizos públicos
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Denuncian unha situación "caótica" en Montecelo coas vacinas aos profesores
Por Alejandro Espiño |
-
Lucerío para seguir reclamando o cesamento da xerencia da área Sanitaria e unha adecuada protección do persoal
Por Marisa Ciordia |
-
Concentración con lanternas para "iluminar" aos xestores da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prosagap, Co.Bas e CESM preparan unha concentración na Praza de España para pedir o cese da xerencia
Por Redacción |