Encontro entre o deputado socialista Guillermo Meijón e representantes empresariais para tratar o futuro de Ence
Por Cristina Saiz & Redacción
Representantes da Cámara de Comercio, de AEMPE, AJE e da Plataforma Proindustria de Pontevedra mantiñan un encontro este sábado co deputado socialista no Congreso Guillermo Meijón na sede da Cámara situada nas Palmeiras.
Alí, os representantes empresariais trasladaron a Meijón a súa preocupación pola aprobación da Lei de Cambio Climático na que traballa o goberno socialista e cuxo artigo 18.4, segundo a empresa pasteira, conlevaría o peche da fábrica de Ence situada na ría pontevedresa. Entenden que isto suporía a perda de numerosos postos de traballo directos e indirectos na comarca.
Precisamente este encontro producíase cando se difundía parte do vídeo no que Ignacio de Colmenares, presidente e conselleiro delegado do Grupo Ence, manifestaba que tanto o Ministerio de Transición Ecolóxica, que lidera Teresa Ribero, como o Partido Socialista de Galicia queren pechar a factoría de Lourizán.
Meijón explicou aos representantes empresariais que a Lei de Cambio Climático non afectará o futuro de Ence en Pontevedra e referiuse a que ese futuro depende da Audiencia Nacional en relación cos recursos presentados pola concesión de prórroga concedida á empresa pasteira en 2016 polo goberno de Mariano Rajoy. En todo caso, aclarou que o artigo 18.4 da Lei non terá carácter retroactivo e, por tanto, non afectará as empresas que se atopen en zona de Costas actualmente, como é o caso da fábrica pontevedresa.
Pola súa banda, Ence emitiu un segundo comunicado no intento de explicar o vídeo de Ignacio de Colmenares e as palabras nas que alertaba do risco ambiental e para as persoas da fábrica pontevedresa.
"O extracto recollido ilegalmente e publicado non debe ser descontextualizado, senón que debe entenderse como parte dunhas palabras dirixidas internamente ao conxunto do equipo humano da empresa", indica a empresa.
Afirman que minutos antes nese vídeo, o CEO da empresa referiuse á necesidade de seguir mellorando día a día o comportamento ambiental das plantas de Ence, por respecto á contorna e ás comunidades coas que convivimos. E afirman que "en concreto, no caso de Pontevedra, mencionara a necesidade de seguir mellorando o comportamento oloroso da biofábrica. Neste sentido, engadía, os equipos que máis percorrido de mellora teñen son a caldeira de recuperación e caustificacion. Estes equipos son absolutamente seguros e, proba diso, é que a compañía goza do recoñecemento High Risk Protected pola máis prestixiosa compañía de seguros norteamericana, especialista en celulosa", conclúe a empresa.
Relacionadas:
-
CCOO ve a man do PSOE detrás da prohibición da protesta de Ence diante do Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid
Por Redacción |
-
A sección sindical de CC.OO asegura que Ence é segura e insiste en modificar o artigo 18.4 da nova lei do Cambio Climático
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Rafa Domínguez traslada a súa "preocupación" despois de oír o presidente de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR pide o peche cautelar de ENCE e a intervención da Fiscalía polas declaracións de Colmenares
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PSOE esixe á Xunta a apertura dun expediente para comprobar o perigo de Ence, tras as palabras de Colmenares
Por Redacción |
-
Ence alega que o vídeo de Colmenares no que alerta da posibilidade dun "susto maiúsculo ambiental" é unha "gravación ilegal"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Solucións para o futuro de Ence, petición que o comité de empresa trasladará o luns ao delegado do Goberno
Por Redacción |