O ximnasio municipal de Poio reabre este mércores con restricións
Por Redacción
O ximnasio municipal de Poio, situado na Seca, na parroquia de San Xoán, reabre as súas portas este mércores 3 de marzo. As dependencias volven estar operativas ao atoparse o concello na fase 2 do plan de desescalada da Xunta de Galicia, que permite a reapertura deste tipo de infraestruturas.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, aclarou que esta reactivación do servizo adaptarase ás restricións vixentes. Deste xeito, de momento só estará operativa a zona na que se realizan os exercicios con pesas e en ningún caso se poderá superar o 30% do aforo.
Pola súa banda, o tatami continúa sendo de uso exclusivo para adestramentos dos federados, como é o caso do taekwondo e o kickboxing .
A edil nacionalista sinala que, de momento, as clases dirixidas para grupos permanecerán suspendidas, xa que actualmente só se permite a práctica de deporte a un máximo de catro persoas, máis o monitor.
Caldas entende que "é preciso poder ofrecer á veciñanza, cumprindo sempre con todos os requisitos de seguridade e medidas sanitarias, un espazo no que poder practicar deporte, porque desde sempre tivemos moi claro que este tipo de hábitos saudables son unha ferramenta máis para sobrepoñerse á pandemia".
Neste sentido, a responsable do departamento de Deportes tamén fai unha valoración positiva do plan de desescalada que o Concello de Poio vén levando a cabo neste eido desde que se comezaron a relaxar as restricións a mediados do pasado mes de febreiro, e que se centran sobre todo na reanudación de adestramentos do deporte federado e de base.
Precisamente, os equipos das escolas deportivas son os que se están incorporando nos últimos días a este calendario, logo do inicio das sesións por parte dos federados e federadas.
"Apostamos por realizar unha desescalada progresiva, segura e eficaz. Afortunadamente, nas últimas semanas foise consolidando o descenso de casos activos en Poio, polo que puidemos continuar cunha folla de ruta que para nós é imprescindible, xa que o deporte é vida e é saúde", conclúe Marga Caldas.