Asinado o contrato para a redacción do proxecto da planta de compostaxe de Vilanova de Arousa
Por Redacción
A planta de compostaxe que a Xunta prevé instalar no municipio de Vilanova de Arousa avanza na súa tramitación. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de asinar o contrato de adxudicación para a redacción do proxecto básico para a súa construción, por un importe de 114.950 euros.
Esta planta estará localizada no polígono de Baión e ocupará sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados, que foron adquiridos por 1,5 millóns de euros.
A planta de Vilanova, coa que se dará servizo a uns 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, realizará o tratamento de residuos orgánicos domésticos, podas e restos de madeira. Con este material, acadarase un compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta abranguerá a totalidade do proceso de compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo as fases de pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. Este proceso levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído.
A operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable a través de paneis solares, fundamentalmente.
Relacionadas:
-
O grupo Vinova inicia a construción dun centro loxístico e de produción no polígono de Baión
Por Redacción |
-
Sogama materializa a adquisición de sete terreos do Polígono de Vilanova para a nova planta de compostaxe
Por Redacción |
-
Acordan ampliar os usos das parcelas do polígono industrial de Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
A Xunta compra sete parcelas en Baión para construír a planta de Sogama
Por Redacción |
-
A nova planta de compostaxe de Vilanova dará servizo a 25 municipios e xerará 30 postos de traballo
Por Redacción | Creada e actualizada