Promoción Económica e #PonteLovers sortean vales da campaña 'In Love co Comercio Local'
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu este luns no Concello o sorteo de 30 vales de 100 euros entre os clientes que durante as pasadas semanas fixeran as súas compras nos establecementos comerciais participantes na campaña de San Valentín 'In Love co Comercio Local'.
A iniciativa impulsada en colaboración coa plataforma #PonteLovers e a firma Pontevedra Digital acadou un rotundo éxito de participación, recollendo unhas 32.000 papeletas para este sorteo.
Segundo constatou Yoya Blanco, que estivo acompañada por Marga Caeiro, responsable de Pontevedra Digital, "os clientes agraciados cos vales de 100 euros disporán ata o vindeiro 31 de marzo para gastalos entre os negocios participantes na campaña, que foron un total de 401".
Tal e como lembrou a socialista, esta iniciativa tiña o obxectivo de "aproveitar San Valentín para facerlle un detalliño á nosa parella e, de paso, amosar tamén o noso cariño polos comercios de proximidade neste momento tan complicado que están a atravesar".
A campaña ‘In Love co Comercio Local’ traduciuse na entrega de dous corazóns troquelados de e un Cupido entre tendas e comercios situados a pé de rúa (quedaron excluídos grandes cadeas e supermercados). Tamén se elaboraron unhas bases que se distribuíron entre os establecementos para que deixasen voar a súa imaxinación e creatividade e deseñaran os escaparates máis atractivos posibles.
Ademais dos 800 corazóns tamén se distribuíron talonarios con 75 tíckets de participación no sorteo (subministráronse uns 33.750 tíckets).
Relacionadas:
-
Márketing e dixitalización protagonizan os novos cursos do Plan Reinicia
Por Redacción |
-
O Showroom de vodas e comuñóns impulsado por PonteLovers será emitido en streaming dende a Finca Batacos
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
10.000 bolsas de papel e 300 adhesivos de sinalización para os #PonteLovers
Por Redacción |
-
Por San Valentín, Pontevedra namórase do seu comercio local
Por Manu Otero |