Acondicionan a estrada entre Quireza e Piñeiro para mellorar a seguridade viaria
Por Redacción
Case 18.000 euros investirá o Concello de Cerdedo-Cotobade nunha actuación que permitirá acondicionar as cunetas da estrada Quireza-Piñeiro, o que segundo o goberno municipal permitirá mellorar as condicións de uso e ofrecer maior comodidade e seguridade para os usuarios.
Esta actuación contempla o revestimento con formigón dun tramo existente duns 345 metros de lonxitude e que na actualidade está feita en terra coa intención de facilitar a mellora da seguridade vial e ampliar o sistema de drenaxe e canalización de pluviais na zona.
Os traballos consisten na roza, limpeza e desentullo, perfilado e refinado da cuneta. Tamén se levarán a cabo labores de reparación dos pasos salvacunetas existentes no tramo e a creación dun novo paso para facilitar o acceso ás fincas lindeiras.
A actuación neste tramo da estrada Quireza-Piñeiro xustifícase en que as cunetas existentes en ambas as dúas marxes son en terra polo que ás veces prodúcense desprendementos que ocasionan atrancos e desbordamentos nas devanditas cunetas.
Ademais, a presenza de vexetación impide que o seu funcionamento sexa correcto.
Para evitar estas situacións e proporcionar un mellor funcionamento ademais de impedir danos á propia estrada optouse por unha solución a través do revestimento en formigón para obter un mellor funcionamento hidráulico, maior durabilidade e aforro no seu mantemento.
Así, o modelo escollido para a cuneta ademais de canalizar as augas da escorrentía permitirá facelas transitables ao posibilitar que os vehículos poidan utilizalas en caso de ser necesario, circunstancia que se produce con frecuencia, xa que o ancho da estrada é de tan só 4 metros.