Vilagarcía deseña un programa para axudar aos adolescentes para afrontar emocionalmente a pandemia
Por Redacción
A concellería Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía pon en marcha un programa para tratar as consecuencias emocionais que a pandemia está a causar entre a poboación en xeral e, en particular na mocidade.
A iniciativa foi aprobada este luns en Xunta de Goberno, na que se decidiu tamén solicitar a mesma na liña 2 do Plan Concellos da Deputación para obter unha subvención de 9.600 euros que permita financiar as actividades.
Este proxecto de educación emocional na adolescencia xorde tras detectarse a través do Servizo de Atención Psicosocial de Urxencia, activado polos Servizos Sociais municipais desde inicio da crise da covid, unha serie de carencias entre moitos adolescentes á hora de afrontar a evolución educativa e socio emocional como consecuencia, primeiro, dos meses de confinamento, e despois, polas continuadas restricións sanitarias.
A continuidade de procesos de illamento social, a falta de contacto persoal ou as dificultades de adaptación á nova realidade están a producir procesos de desmotivación, ansiedade, tensión, cansazo extremo e sintomatoloxía depresiva entre adolescentes.
Seguindo as directrices marcadas por UNICE España no seu informe "Saúde mental e infancia no escenario COVID-19", os Servizos Sociais do Concello optan por poñer en marcha este programa cos obxectivos de previr, protexer e tratar con medidas específicas as necesidades particulares deste colectivo.
O proxecto municipal de Educación Emocional ten como obxectivo proporcionar aos adolescentes as ferramentas necesarias para poder afrontar a situación de forma eficaz e aumentar a súa resiliencia. Para isto propoñen un programa de actividades a realizar en colaboración cos institutos do municipio e dirixido ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. O proxecto comezará no mes de abril e desenvolveríase en varias fases ata o mes de decembro.
O programa inclúe reunións virtuais, grupos de discusión presenciais de entre 6 a 12 participantes, a creación dun podcast radiofónico e unha emotipedia, así como un emotiforo, utilizando neste caso o formato do teatro foro das anteriores edicións do programa de Servizos Sociais para institutos.