Carmela Silva recomenda ao presidente da Xunta "menos fotos de postureo e máis investimentos na provincia"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recomendou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo "menos fotos de postureo e máis investimentos na provincia".
Carmela Silva comentou que "onte me sorprendía moito" ao ver a Núñez Feijóo co presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, "que non sei moi ben que pintaba aquí" esixindo ao Estado que invista no proxecto do Corredor Atlántico de mercadorías, que ven como unha infraestrutura "estratéxica" e "irrenunciable".
A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou á Xunta e ao Partido Popular que "Rajoy gobernou sete anos, fai nada, e non moveron nin un papel" reprochando que "agora vén o presidente da Xunta que estivo caladiño sete anos cun tal Mañueco a reclamar algo que agora se está en marcha", dixo.
Carmela Silva fixo estas declaracións este xoves no transcurso dunha rolda de prensa na que adiantou os contidos que abordará a Xunta de Goberno da administración provincial que se celebrará mañá venres. A celebración nesta xornada do Pleno ordinario complicaría a realización desta comparecencia.
Entre os acordos máis destacados Carmela Silva citou que o Goberno provincial vai aprobar as bases das axudas ao sector primario, "con moito peso na provincia" cunha dotación de 250.000 euros para explotacións agrogandeiras e outros 250.000 euros para confrarías e colectivos de marisqueo. "Cumprimos cos nosos compromisos", sinalou.
Carmela Silva aproveitou a rolda de prensa para felicitar ao seu "equipo" e a todas as persoas implicadas na organización e o resultado da Gala Provincial do Turismo celebrada este mércores que "foi espectacular", dixo. "Tivemos 2 millóns de impactos en Twitter", engadiu.
Ademais o Goberno provincial espera aprobar este venres axudas á contratación de persoal para as oficinas de turismo adheridas á rede de información de Rías Baixas, cun orzamento de 174.000 euros. Concederanse 23 axudas para contratar a 29 persoas. "Seguimos fomentando a profesionalización do sector e adiantando os recursos", valorou.
Carmela Silva tamén se referiu a unha nova achega de máis de 700.000 euros do Plan Concellos. Serán 206.000 euros da Liña 1 para Baiona e Barro, e outros 536.000 euros para contratar a 49 persoas nos concellos de Cangas e Cerdedo-Cotobade. "Xa levamos aprobados os recursos de 52 concellos por un total de 8,8 millóns", destacou.
A Xunta de Goberno tamén leva na súa orde do día dous proxectos por 1 millón de euros para humanizacións e actuacións de mellora da seguridade viaria nos municipios de Gondomar (son 272.000 euros para a conexión entre as estradas provinciais EP-2301 e a EP-2302) e para o concello de Sanxenxo (760.000 euros para implemental a "mobilidade amable" na estrada EP-9212 entre Noalla e A Lanzada).
Finalmente Carmela Silva citou que o Pleno aprobará este venres o acordo marco de conservación de firmes das estradas provinciais. "A seguridade debe ser unha prioridade das administracións públicas e a Deputación inviste millóns e millóns de euros".
Concretamente, serán 4,4 millóns en 2021 que chegarán a todos os concellos, aos 1.650 quilómetros da rede. Desde 2018 levamos investidos máis de 17 millóns. As actuacións dividiranse en 6 zonas.
"Actuamos con equidade", recalcou a presidenta. "Aos lotes accederon empresas a través de concorrencia, e este tamén é un obxectivo do acordo marco. A área de infraestruturas funciona moi ben, con axilidade e calidade", concluíu.