Desbotada no pleno provincial a proposta do PP para reclamar o cambio do proxecto da Lei do Cambio Climático
Por Mónica Patxot & Redacción
César Mosquera, vicepresidente provincial, presidía este venres o pleno ordinario de marzo da Deputación de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva acudía á mesma hora á inauguración do Centro Vialia en Vigo, un feito criticado polos populares ao considerar que a máxima representante provincial consideraba menor o debate sobre o futuro dos empregos que dependen de Ence. No exterior do edificio da institución provincial concentrábanse traballadores da empresa pasteira, convocados polo sindicato Comisións Obreiras.
Precisamente, un dos puntos tratados nesta sesión relacionábase co futuro de Ence, xa que o Partido Popular presentou unha moción na que pedía ao goberno provincial que reclame a supresión dos puntos 3 e 4 do artigo 18 do proxecto de lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que está a elaborar o Goberno central.
Na defensa da moción, o portavoz do Partido Popular Jorge Cubela expoñía que a lei afectará á fábrica pasteira de Ence e ás empresas auxiliares e sectores económicos vinculados á factoría situada na ría de Pontevedra. Ademais, os populares manteñen que esta lei supón un ataque directo á economía e ao emprego ao xerar gran inseguridade para o sector Industria-Mar.
César Mosquera pediu, en primeiro lugar, que o PP condenase as accións do grupo traballadores de Ence que se encerraron no Concello de Pontevedra como os que entraran na Deputación de Pontevedra o 11 de marzo. Lembrou que o PP de Galicia en 2012 defendía a marcha da empresa da ría e convidou a Cubela a que se Ence é "tal bicoca" que ofreza o municipio de Cerdedo-Cotobade ou calquera outro dirixido por alcaldes populares para acoller o seu traslado.
Pola súa banda, o portavoz socialista Carlos López Font, considerou que a moción popular era oportunista e que estas accións só buscan a confrontación, utilizando para iso ao sector da Industria-Mar.
Na réplica, Cubela indicou que agrupacións políticas como Teruel Existe, Más Madrid ou Bildu non poden decidir sobre a costa galega. López Font sinalou que o goberno central é sensible coas concesións das empresas conserveiras e que pertencen ao sector marítimo e acusou aos populares de cambiar de postura respecto a Ence. Neste sentido, Mosquera lembrou que a empresa foi comprada con capital privado a un prezo económico porque contaba con data de finalización e que contou cunha "prórroga impensable" grazas ao goberno de Mariano Rajoy.
Finalmente a moción popular foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e do BNG.
OUTROS PUNTOS DO PLENO
Á marxe deste punto que, como era de esperar, foi o máis polémico da sesión, aprobábase por unanimidade a adxudicación de procedemento para establecer un convenio marco para regular as obras de conservación dos firmes das estradas pertencentes á Deputación. O deputado socialista Gregorio Agís sinalou que se investirán 4,5 millóns de euros repartidos en todos os concellos da provincia para manter as infraestruturas viarias.
Tamén por unanimidade aprobábase o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias, ademais das Deputacións provinciais para crear grupos de emerxencia supramunicipais na loita contra os incendios forestais.
O outro momento de tensión durante o pleno expúxose cando Pepa Pardo, portavoz do Partido Popular, solicitou no inicio da sesión a retirada de dous puntos da orde do día, a modificación do Proxecto Labora e a ordenanza reguladora do Plan Revitaliza, pola falta de informes por parte do secretario da institución, que explicou ao longo do pleno que non eran preceptivos. Produciuse un enfrontamento dialéctivo entre a portavoz popular e o vicepresidente César Mosquera.
Finalmente aprobábanse ambos os puntos co apoio do PSOE e do BNG. No caso do Plan Revitaliza, segundo o representante nacionalista, o obxectivo é que os concellos separen as fraccións do lixo e bonifiquen o recibo co obxectivo de que se adapten á normativa europea, estatal e autonómica para evitar sancións económicas.
Tamén se aprobaba coa abstención do PP unha moción dos dous partidos do goberno no que instan á Xunta a que actualice o financiamento anual que destina aos municipios para o Servizo de Axuda no Fogar, coa proposta de que incremente a cifra ata que asuma totalmente o custo no ano 2023.
Por último, esta sesión foi a primeira do deputado popular Ignacio Maril Pardo, que tomaba posesión do seu asento en substitución de Luís López, acutal delegado territorial da Xunta en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Congreso aproba a Lei de Cambio Climático por maioría e coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Novo desencontro entre a Xunta e o Goberno pola Lei de Cambio Climático: unha carta e diferentes interpretacións
Por Redacción |
-
A APDR cualifica de "ridículo" un argumento da Confederación de Empresarios de Galicia para defender a ENCE
Por Redacción |
-
Chío en galego da ministra Teresa Ribera defendendo a Lei do Cambio Climático: "Non mintan nin asusten á xente"
Por Redacción |
-
Carmela Silva recomenda ao presidente da Xunta "menos fotos de postureo e máis investimentos na provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
A terceira fase do Plan Móvese inclúe medio milleiro de actuacións na provincia
Por Alejandro Espiño |