Poio impulsa un espazo para emprendedores no centro de formación da Reiboa
Por Redacción
Poio Crea será o nome do futuro espazo de emprendemento que o goberno municipal quere emprazar no centro de formación da Reiboa. Para este proxecto, reserváronse uns 100.000 euros procedentes do remanente de tesourería das arcas municipais.
Os técnicos municipais están a traballar na elaboración do proxecto, que contempla o acondicionamento dunha zona do centro de formación, que contaría cun espazo específico para traballo e outra área na que se facilitaría o desenvolvemento de accións formativas.
Ademais, tamén habería espazo para iniciativas que se poidan poñer en marcha en colaboración co tecido empresarial do municipio.
"Consideramos que un espazo destas características é prioritario para axudar aos novos emprendedores que temos na nosa vila e que precisan dun servizo coma este", sinala o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís.
A intención do Concello é que este novo espazo esta habilitado "canto antes" para que os emprendedores locais teñan un lugar no que poder poñer en marcha os seus negocios.
As dependencias da Reiboa son o "lugar ideal" para acoller este proxecto "inédito" en Poio, segundo Agís, que recorda a reforma realizada no centro para instalar un ascensor e unha nova aula de informática, así como para a reforma dos aseos e para a remodelación exterior.
O centro de formación da Reiboa xa acolle na actualidade o Programa Integrado de Emprego e diferentes cursos e obradoiros formativos, como o proxecto Senda 2021, que dará comezo o vindeiro mes de abril e cuxo prazo de inscrición aínda está aberto.
Relacionadas:
-
O Proxecto Senda 2021 rematará cunha xornada de intercambio de bens e produtos
Por Redacción |
-
Comezan as sesións de traballo en grupo da cuarta edición do Proxecto Senda
Por Redacción |
-
O Proxecto Senda 2021 arrancará en abril para mellorar a inserción laboral en tempos de crise
Por Redacción |
-
O centro de formación da Reiboa conclúe a súa reforma interior e exterior
Por Redacción |