O campus súmase a un programa dirixido a fomentar o deporte ao aire libre
Por Redacción
A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade puxo en marcha o programa ExploraCampus, unha iniciativa dirixida a fomentar a práctica deportiva ao aire libre.
Trala súa posta en marcha no mes de marzo no campus vigués, Pontevedra súmase agora a esta iniciativa con dúas actividades gratuítas e abertas ao conxunto da comunidade universitaria.
Trátase por unha banda dunha ruta en bicicleta que partirá do campus para achegarse ata a contorna de Bora e das marismas de Alba e dunha ruta de sendeirismo polo río dos Gafos.
A inscrición nestas dúas actividades, programadas para os días 20 e 29 de abril, poderá realizarse ata dous días antes a través da plataforma CampusActivo. Ambas están abertas a un máximo de seis participantes, aínda que, no caso de que haxa máis inscritos teremos aberta unha lista de agarda para organizar unha segunda quenda destas mesmas actividades en días posteriores.
Se ambas iniciativas espertan o interese da comunidade universitaria, o obxectivo é que a estas poidan sumarse outras nas próximas semanas, tamén seguindo esa mesma filosofía, como xeocaching, orientación ou quedadas para facer running.