O goberno provincial aproba 1,5 millóns de euros para renovar infraestruturas viarias
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que a Xunta de Goberno aprobou este venres investimentos por un global de 1,5 millóns de euros para renovar infraestruturas viarias.
Trátase de tres actuacións. Por unha banda deuse luz verde ao proxecto para "resolver demandas cidadás históricas" na estrada provincial EP-8402, no Concello de Cuntis por 604.000 euros.
No Concello de Salvaterra de Miño actuarase na EP-4006, para o que se destinarán 214.000 euros. Tamén aprobaron a adxudicación das obras na EP-3303, no Concello do Rosal, por 650.000 euros, para reconverter de forma integral a estrada entre Tabagón e Goián.
Ademais o goberno provincial pechou este venres a liña 3 do Plan Concellos, destinada á creación de emprego para a conservación de bens e servizos municipais. Concretamente complétase este programa de axudas destinando 36.000 euros ao Concello de Dozón para contratar cinco persoas.
Segundo informou Carmela Silva, este ano solicitaron esta liña de axudas un total de 56 concellos que recibiron un global de 9,2 millóns de euros para contratar a un total de 876 persoas.