![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b2b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6079ad7141-whatsapp-image-2021-04-16-at-13.22.49-1-.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Volven os 'Xardíns que Falan' cunha chamada á vacinación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
No marco do proxecto os 'Xardíns que Falan', impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, os xardíns da praza de España exhiben desde este venres unha nova chamada de concienciación e ánimo neste tempo de pandemia.
O debuxo dunha xiringa da que nace unha árbore acompañada dun contundente lema: 'Moita Vida' é unha apelación a toda a cidadanía para que reflexione sobre a importancia da vacinación para chegar a conter a pandemia da Covid-19, acadar canto antes a ansiada inmunidade e frear a súa mortalidade.
A nova campaña de fomento da vacinación será completada nos vindeiros días con máis intervencións e arranxos florais na propia praza de España e nos xardíns da praza de Ourense.
O rótulo foi visitado esta mañá polo propio Iván Puentes xunto aos seus compañeiros do Grupo Municipal Socialista, o tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Saúde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
Tal e como subliñou Puentes, "nun contexto no que aínda agroman correntes negacionistas, temores, dúbidas e informacións pouco contrastadas, queremos mandar unha mensaxe clara en favor da ciencia como único camiño posible para acadar a volta á normalidade e para garantir vida".
Anteriormente, neste lugar da praza de España, realizáronse intervencións coas que se reivindicaba o Orgullo LGTBI, a celebración da festividade do Samaín ou unha lembranza ás vítimas da violencia machista.
Relacionadas:
-
Os xardíns de Pontevedra alzan a voz pola diversidade para celebrar o Orgullo
Por Redacción |
-
O Concello denuncia unha agresión letal contra dúas árbores da Avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
Os escaparates énchense de actividades artísticas co proxecto EscaparArte
Por Mónica Patxot |
-
Un photocall para dicir desde Pontevedra #MalaChispaTeComa2020
Por Redacción |
-
Os xardíns da Ferrería e a Praza de España tamén berran contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Calacús e lápidas nos xardíns da Ferrería e a Praza de España lembran que estamos no Samaín
Por Redacción |