Estafadores piden en Marín cartos en publicidade para unha falsa revista policial
Por Redacción
Varios empresarios de Marín denunciaron recibir chamadas para colaborar economicamente na edición dunha suposta revista policial que, segundo confirman as autoridades, non existe.
A Policía Nacional advirte que se trata dun timo mediante o que os estafadores solicitan doazóns para unha suposta revista a cambio de publicidade.
O modus operandi consiste en poñerse en contacto con pequenos empresarios da zona que queren dar publicidade aos seus negocios e contactan con eles por teléfono en nome de supostas asociacións profesionais da Policía Nacional.
Tras pedir unha achega económica, ofrecen inserir anuncios publicitarios na revista a cambio dunha cantidade de diñeiro, normalmente pequenas cantidades.
Ao recibir o diñeiro, os seus responsables contactan coa vítima e dinlle que en breve comparecerán no seu negocio para entregarlles a revista, cousa que finalmente nunca ocorre.
É unha práctica, sinalan desde a Policía Nacional, que só persegue o lucro persoal dos estafadores á conta dos empresarios aos que logran enganar.