Núñez Feijóo: "Ou o Goberno cambia de opinión ou, desta vez, ENCE pecha"
Por Alejandro Espiño
Horas antes da reunión en Madrid na que se abordará o futuro da fábrica de Ence en Pontevedra, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, advertiu do "risco evidente" que existe de que a pasteira se vexa abocada a un peche "definitivo".
"Ou o Goberno cambia de opinión ou, desta vez, Ence pecha", asegurou Núñez Feijóo a preguntas de PontevedraViva nun acto celebrado en Cerdedo-Cotobade. E neste contexto de "pandemia económica", engadiu, esta postura "paréceme unha enorme frivolidade".
O presidente galego pediu ao Executivo central "que deixen as cousas como están", xa que lembrou que "neste momento" a compañía pasteira ten unha concesión e en Galicia "necesitamos non pechar a única industria de transformación en pasta de papel".
Ence, segundo destacou o dirixente autonómico, compra madeira de forma regular a unhas 5.000 familias galegas, emprega centos de camioneiros para trasladar a súa produción e supón máis do 50% dos tráficos do porto de Marín.
Nuñez Feijóo recoñeceu que "non creo que haxa ningún galego ao que lle guste que Ence estea nas inmediacións da ría de Pontevedra", pero sinalou que os galegos "saben moi ben distinguir o óptimo do que é bo" e Galicia necesita a actividade da pasteira.
Tras subliñar que "lamentablemente" o Goberno deixou de defender a concesión que o anterior executivo outorgara a Ence e apostou por unha lei de cambio climático que "dificulta" a súa continuidade, Feijóo explicou cal é a opción que defende a Xunta.
"De entrada, Ence non pode pechar neste momento", salientou o líder do goberno galego, que sinalou que se hai fondos europeos "e interese por investir" poderase apostar "dentro dalgún tempo" por construír outra fábrica pasteira "nun lugar máis axeitado".
Mentres iso non ocorra, segundo Alberto Núñez Feijóo, "non convén destruír antes de construír" e débese garantir a continuidade dunha instalación industrial "que dá emprego, que compra madeira e que contribúe a manter un certo equilibro no coidado dos bosques".
Para esta mesa de traballo convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, aclarou Núñez Feijóo, se o Goberno non cambiou "nin un ápice" o seu posicionamento "será unha reunión de cortesía" como as que se estiveron celebrando ata o de agora.
Espera, pola contra, que o Executivo central "acepte" que en plena recesión económica é "convinte" pospoñer a decisión do peche de Ence "ata que atopemos outra industria que cree os mesmos postos de traballo e poida comprar a madeira a estas 5.000 familias".
A este respecto "non son moi optimista", concluíu o presidente galego, que cifrou en 16.000 os postos de traballo que están "cuestionados" en Galicia polas decisións do Goberno de Pedro Sánchez.
Relacionadas:
-
Rueda esixe no Parlamento de Galicia ao Goberno de Pedro Sánchez garantías xurídicas para a continuidade de Ence
Por Redacción |
-
O BNG reclama á Xunta que se poña á fronte das negociacións para a saída de ENCE da ría
Por Redacción |
-
A APDR critica os "recursos e esforzos consumidos" por Transición Ecolóxica na mesa sobre o futuro de Ence
Por Redacción |
-
ENCE e a Xunta aceptan estudar "novos escenarios" para un posible traslado
Por Alejandro Espiño |
-
Transición Ecolóxica convoca para este mércores a mesa de traballo sobre o futuro de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Caballero afirma que "a situación de Ence en Pontevedra non cambiou coa aprobación da Lei de Cambio Climático"
Por Oskar Viéitez & Isabel Feijóo Gallardo |
-
O comité de empresa de Ence reclama ao Goberno que inicie xa a negociación sobre o futuro da factoría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |