Lores, no xulgado polo "asalto" á Alcaldía: "A min non me van a acovardar"
Por Alejandro Espiño
O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra abriu dilixencias penais para investigar o "escrache" sufrido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e membros do seu goberno por parte de traballadores de Ence e sindicalistas de CC.OO.
A causa parte do informe elaborado pola Policía Local de Pontevedra tras o "asalto" ás dependencias municipais de Michelena 30, onde se encerraron os manifestantes.
Fernández Lores, acompañado dos edís Eva Vilaverde, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, acudiu este venres ata os xulgados da Parda para comparecer en calidade de testemuña ante o xuíz que instrúe esta investigación.
Á súa saída da sede xudicial, o alcalde explicou que ratificou ante o xuíz os feitos que recolle o parte policial que, segundo apuntou, foi remitido ao xulgado no seu día porque están " obrigados" ante calquera feito que poida ser constitutivo de delito.
Na súa declaración, Lores reiterou que nesa mobilización "houbo intentos de agresión" contra el que non chegaron a máis porque os axentes, que formaran un cordón de seguridade para protexer a súa saída, "fixeron unha placaxe de rugby ben feita".
Ademais de "alterar" o funcionamento do Concello ao "invadilo", segundo declarou, el e os demais membros do seu goberno recibiron "insultos" e, tras ser perseguidos ata o aparcadoiro, os manifestantes "golpearon non coche, pegaron patadas e botaron escupitajos no capó".
" As actuacións violentas deste tipo non son de recibo", engadiu o alcalde, que entende que "cada un defende os seus intereses e eu defendo os da cidadanía", pero advirte que, por moi "desagradable" que sexa, "a mín non van acovardar porque fagan cousas deste tipo".
Fernández Lores apuntou que "non é a primeira vez" que fan algo similar, lembrando a vez que os traballadores de Ence interromperon un pleno durante varias horas, e entón, lamentou, "se fueron de rositas por decisión de non sei quen".
A pesar diso, o Concello "probablemente" non se vai a persoar nesta nova causa e, segundo adiantou o alcalde, el tampouco pedirá indemnizacións polo sucedido.
Relacionadas:
-
Un traballador de Ence, no xulgado por invasión da Casa do Concello: "Non agredín a ninguén nin somos ningúns delincuentes"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Traballadores de ENCE rebentan o pregón da Peregrina e acosan á corporación municipal
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
A Xunta sostén que debe ser o Estado o que busque unha localización alternativa a ENCE
Por Redacción |
-
A corporación condena a "violencia" de ENCE e declara o seu presidente "non grato" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O escrache ao alcalde por ENCE acaba nos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
Traballadores de ENCE "toman" o Concello en defensa dos empregos da fábrica en Lourizán
Por Mónica Patxot & Redacción | Creada e actualizada