Deteñen en Poio o presunto testaferro dunha rede de estafadores radicada en Nigeria
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio detiveron a un home que, segundo os investigadores, actuaba como home de palla dunha rede de estafadores por internet radicada en Nixeria.
Ao detido, que é veciño do municipio, investígaselle polos delitos de estafa e pertenza a organización criminal. Foi identificado en colaboración cos Mossos d'Esquadra e contaba cunha orde de procura e detención en vigor.
A investigación sobre esta rede, que actuaba en todo o territorio nacional para cometer presuntos delitos de estafas, comezou a mediados de 2019 por mor dunha denuncia presentada na comisaría de Cornellá (Barcelona).
A organización dedícase a rastrexar desde a aplicación Wallapop os anuncios que máis lle interesan e, unha vez seleccionados, realizan unha oferta ao vendedor. Para dar veracidade e proximidade á vítima, contan con homes de palla en diferentes países.
Estes son, entre outras cousas, os encargados de dar de alta liñas telefónicas nestes países e, ao figurar nas comunicacións un número nacional enganan máis fácil ás súas vítimas, coas que nunca fala de viva voz senón mediante textos traducidos desde unha web.
Acordado o prezo do produto para comprar, os estafadores crean unha falsa transferencia a través desta aplicación, usando logotipos oficiais, e cando a vítima envía a mercadoría o diñeiro, evidentemente, nunca lle chega.
É entón cando o home de palla, segundo acreditan os investigadores, adopta un papel crucial porque recibe os produtos, na súa maior parte teléfonos móbiles, véndeos e envía o diñeiro á organización criminal de Nixeria.
Segundo consta nas dilixencias, a maneira que ten a organización criminal de captar unha persoa para que reciba o material é bastante sinxela.
Se das centenares de tentativas de estafa que realiza diariamente a organización, unha delas dáse conta antes de realizar o envío do terminal que o que está a suceder é un engano, dillo ao suposto comprador. É entón cando a organización, facéndose pasar agora por unha empresa ofrécelle un traballo.
O traballo que lle ofrece a organización criminal é o de recibir a unha dirección decenas de terminais telefónicos ou outros obxectos de valor, atoparlles un comprador e enviar o diñeiro a través dunha empresa financeira de envío de diñeiro.
A cambio, o suposto traballador quedará aproximadamente cen euros en cada venda.