O mercado inmobiliario en Pontevedra permanece conxelado ás portas da reapertura do lecer nocturno
Por Manu Otero
A Xunta traballa nunha orde para regular a inmimente reapertura do lecer nocturno en Galicia. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, xa avanzou a súa intención de realizar unha proba piloto este mes e retomar a actividade a finais de xuño sempre que as condicións sanitarias o permitan. Con todo, o número de locais que levantarán o enreixado en Pontevedra é unha incógnita.
Moitos decidiron pechar, outros aínda non saben se chegarán con forzas á liña de saída, algúns se debaten entre a liquidación ou o cambio de modelo e uns poucos están preparados para comezar a funcionar tan pronto se acenda a luz verde, aínda que sempre que as restricións non fagan inviables os negocios. O resultado?. Unha longa lista de emprendedores que se debaten entre o traspaso do seu negocio ou seguir arriscando o seu patrimonio.
"Hai locais en alugueiro, pero o emprendemento está parado", recoñece Elena Vitoria, portavoz de Hoempo e recentemente nomeada presidenta da Federación da Hostalería Galega, que representa a 13 asociacións locais de toda a comunidade.
"Hai moito silencio no sector", admite Dani Lorenzo, presidente de Hoempo quen considera que os empresarios se atopan "expectantes" ante o futuro inmediato do lecer nocturno e o protocolo que regulará a súa actividade nos próximos meses. A rixidez das medidas que impoña a Xunta e a capacidade dos pequenos pubs pontevedreses para implantalas sen perder rendibilidade marcarán o futuro do sector na Boa Vila.
"Houbo algún movemento, pero a maior parte destes tratos péchanse entre particulares", apuntan desde o sector inmobiliario, no que tampouco dispoñen de información real sobre o volume de locais dispoñibles. Convén lembrar ademais que cada vez que un negocio pecha e perde a súa licenza como local de lecer nocturno, a normativa urbanística de Pontevedra impide recuperala, polo que o número de baixos dispoñibles para dedicar a este fin é cada vez máis reducido.
E nos portais dixitais máis visitados figuran tan só dous locais, un en Arcebispo Malvar e outro en Rúa Cusino, dispoñibles para alugueiro ou traspaso.
A néboa que cobre todo este mundo irase disipando nas próximas semanas. "Esta semana esperamos saber algo", di Lorenzo sobre a proba piloto que, presumiblemente, realizarase en dúas discotecas e catro pubs, un por provincia, de Galicia. "Cremos que vai ser en Vigo", resígnase Vitoria a pesar de que a situación epidemiolóxica da área sanitaria de Vigo é peor que a de Pontevedra e a intención do goberno galego de autorizar a reapertura destes locais só naqueles municipios con risco baixo.
"Aínda temos unha reunión pendente", insiste o presidente de Hoempo fuxindo de cábalas e rumores achega do protocolo que rexerá o funcionamento do seu negocio e, ao mesmo tempo, presionando á Xunta para que convoque dunha vez ao sector e aclare as condicións da reapertura.
"Non sabemos nada de nada, só o que sae na prensa. Tampouco sabemos como sairemos do estado de alarma", engade Elena Vitoria que agarda impaciente á publicación da nova orde no DOG "coas normativas reais".
Mentres tanto, a empresaria pontevedresa ocúpase de organizar a axenda dos primeiros días de vida da recentemente creada Federación da Hostalería Galega. Reunións con sindicatos e a Fegamp para analizar cuestións como as consecuencias da derrogación do estado de alarma, a tramitación do terceiro plan de axudas á hostalería ou os horarios e aforos do sector centran estes días a actividade dunha entidade que nace para ofrecer "unha representación plural e máis e mellor contacto coas administracións".
Relacionadas:
-
A misión imposible de atopar piso para estudantes en setembro en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
La Pomada porá a proba as medidas para a reapertura do lecer nocturno
Por Redacción |
-
Plan piloto da Xunta para a reapertura do sector do ocio nocturno
Por Redacción |
-
Escepticismo no lecer nocturno pontevedrés ante a reapertura prevista pola Xunta para inicios de verán
Por Manu Otero |