Fiscalía pide doce anos para un home por violar unha muller tras enganala facéndose pasar por unha veciña
Por Redacción
A Sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 11 un xuízo por un delito de agresión sexual.
A Fiscalía solicita doce anos de cárcere para un sospeito de agredir sexualmente a unha muller, en concurso cun delito de violación de morada e outro de lesións, tamén reclama que se lle impoña ao acusado unha orde de afastamento da vítima durante oito anos, a contar desde a súa saída de prisión.
Segundo o fiscal, o acusado enganou á vítima facéndose pasar por unha veciña para poder entrar no seu domicilio.
O caso, que procede do xulgado de Instrución número 1 de Tui, produciuse o 8 de setembro de 2018, segundo recolle o fiscal no escrito de acusación.
Segundo o relato do Ministerio Público, ás 5:45 horas da madrugada o acusado chamou á porta da vítima finxindo ser a súa veciña e ocultándose baixo un suadoiro con carapucha e unha peza branca que protexía a súa cara.
Cando a muller abriu a porta este abalanzouse sobre ela e empuxouna ata o salón da vivenda, onde a tirou ao chan e abusou sexualmente dela, a pesar da resistencia e os berros da vítima.
Tras completar a agresión, tal e como recolle o escrito de acusación, o home colleu a cabeza da vítima e golpeouna con forza contra o chan, deixándoa tirada alí cando abandonou o domicilio.