A Audiencia condena a once anos de cárcere a un acusado de agredir sexualmente á súa veciña
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a once anos de cárcere a un veciño de Tomiño por acceder a unha vivenda do municipio, violar e agredir á muller que se atopaba no seu interior.
En concreto, o tribunal, que tivo en conta a agravante de uso de disfrace porque levaba o seu rostro cuberto, considerouno autor dun delito de violación de morada, en concurso cun delito de agresión sexual e con outro de lesións.
Os maxistrados consideran acreditado que o sospeitoso, sobre as seis menos cuarto da madrugada do 8 de setembro de 2018, se presentou no domicilio da vítima e logrou que lle abrise a porta finxindo ser a súa veciña.
O tribunal relata na resolución que o condenado empuxou á afectada cara ao interior da súa casa e, ao chegar ao salón, tirouna ao chan, realizoulle tocamentos polo corpo e introduciulle os seus dedos na vaxina.
A continuación, coa finalidade de menoscabar a integridade física da vítima, colleuna pola cabeza e golpeouna repetidamente contra o chan. Despois, abandonou o lugar e deixouna tirada no chan.
"En todo momento, e para ocultar a súa identidade, o acusado levou posto un suadoiro con carapucha co que se cubriu a cabeza, levando tamén tapado o rostro con outra peza que só deixaba visibles os ollos; así mesmo, levou as mans cubertas con luvas", indican os maxistrados, os cales salientan que a afectada narrou "de maneira convincente, clara e sen excesos" o ocorrido.
Ademais, os xuíces sinalan que a determinación da autoría do sospeitoso "veu da man, fundamentalmente, das probas periciais biolóxicas elaboradas polo Servizo de Criminalística da Garda Civil e polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses".
Relacionadas:
-
Non haberá reducción de condena para o violador unha muller en Tomiño, que finxiu ser a súa veciña para atacala
Por Redacción |
-
Confirman 11 anos de cárcere para o home de Tomiño que enganou a súa vecina para violala
Por Redacción |
-
Os restos de ADN sinalan ao acusado como autor da agresión sexual sufrida pola súa veciña
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía pide doce anos para un home por violar unha muller tras enganala facéndose pasar por unha veciña
Por Redacción |