Sanxenxo e a Xunta colaboran para potenciarse como destino turístico de calidade
Por Redacción
Sanxenxo representa o 15% do mercado turístico de Galicia no período estival e neste verán liderou todas as estadísticas con algo máis de 330.000 pernoitas nos hoteis e pensións do municipio. En base a estes datos, e para potenciar o destino, a Xunta e o Concello asinaron este martes un convenio de colaboración.
O convenio asinárono a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domíguez, e a alcaldesa de Sanxenxo e presidenta de Turismo de Sanxenxo, Catalina González Bea, e ten o obxectivo de realizar actuacións específicas para "mellorar a calidade da experiencia turística dos viaxeiros que nos visitan, traballar da man do sector turístico, das entidades e organizacións e asociacións, para conseguir, entre todos, a excelencia turística da nosa comunidade".
Segundo Nava Castro, aspiran a que este convenio "contribúa a proxectar a imaxe turística deste concello como destino turístico de calidade e favorecer a sostibilidade e a desestacionalización".
Co obxectivo de manter o posicionamento do destino e de incrementar as súas cifras de afluencia e satisfacción dos viaxeiros, o acordo inclúe actuacións como a edición de material promocional necesario para realizar accións de difusión, o reforzo do portal web www.turismodesanxenxo.com ou a posta en marcha de novas actuacións como 'Sanxenxo, degusta', que incluirá xornadas gastronómicas, degustacións e cheques agasallo, así como o programa 'Sanxenxo, degusta dulce'. Tamén se implantarán paneis informativos interactivos dos principais recursos turísticos de Sanxenxo e outras plataformas dixitais para acceder a través das novas tecnoloxías e teléfonos intelixentes.
Nava Castro incidiu en que Sanxenxo é un municipio sostible e que aposta pola calidade: "Non en van é Destino SICTED, un dos cinco que temos en Galicia e conta con 79 establecementos distinguidos e 26 adheridos".
Tamén incidiu nos datos positivos rexistrados durante este verán, nos meses de xullo e agosto, Sanxenxo ten experimentado, segundo os datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia a través da Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE, un incremento importante dos seus niveis de demanda. Superouse nun 17% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 15% o nivel de pernoitas rexistradas a respecto do verán de 2012.
Ademais, Sanxenxo é o destino que presenta a estadía media máis elevada de Galicia, con 3,7 noites. O turismo nacional representa o 89% do total. Tanto o turismo nacional como o internacional superaron este verán os niveis de demanda do pasado ano.
O nacional medrou un 15% e o internacional un 21,5%, no tocante ás pernoitas rexistradas. Este verán superouse en máis de oito puntos porcentuais a ocupación do pasado verán. Deste xeito, Sanxenxo é o destino galego no que a ocupación medra con maior intensidade.