Dúas de cada tres vivendas do rural pontevedrés xa teñen composteiro individual
Por Alejandro Espiño
Preto de 3.500 composteiros individuais xa foron entregados polas parroquias do rural de Pontevedra. Isto significa, segundo o edil responsable da xestión dos residuos, Raimundo González, que dúas de cada tres vivendas xa se sumaron a este sistema de reciclaxe.
A falta do reparto nas parroquias de Lourizán, Ponte Sampaio e A Canicouva, desde o goberno municipal recoñecen que a resposta dos cidadáns "está a ser espectacular", o que demostra o compromiso "máis que evidente" dos pontevedreses co medio ambiente.
O concelleiro explicou que das 8.000 casas contabilizadas no rural, entre un 15% e un 20% non están habitadas por diferentes casuísticas, o que sitúa en aproximadamente 6.400 vivendas a cifra obxectivo en relación ao reparto.
Tras axustar a cifra de vivendas e con 3.444 composteiros xa repartidos, Raimundo González subliñou que esto supón unha porcentaxe importante de aceptación "e isto non se debe dar en ningún outro concello de Galicia".
"Isto que facemos aquí, repartir de forma universal e porta a porta, posiblemente en todo o Estado teñamos o caso único de Pontevedra", engadiu o responsable municipal, que celebrou todos os pasos dados no municipio no modelo de compostaxe, que no futuro será universal.
Cando se complete o despregamento dos composteiros individuais no rural, o Concello entregará estes recipientes nas preto de 700 vivendas unifamiliares que, segundo se calcula, hai na periferia urbana da cidade, especialmente no Burgo, Campolongo ou A Parda.
A todo isto, segundo González, hai que engadirlle os novos centros de compostaxe comunitario que se instalarán proximamente na cidade, e o incremento paulatino de domicilios adheridos ao Plan Composta que neste momento se sitúa preto dos 2.000.
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello iniciará unha campaña de sensibilización sobre a compostaxe, que incluirá a instalación dunha carpa na Peregrina os venres 28 de maio e 4 e 11 de xuño, en horario de mañá e de tarde.
Nesta carpa, ademais de información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, as persoas interesadas recibirán un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinario (albahaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño).
Relacionadas:
-
Técnicos de Canarias, Zaragoza, Valladolid e Madrid visitan Pontevedra para coñecer o sistema de compostaxe integral do Concello
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Beluso estrea centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
Lores: "O Concello de Pontevedra ten no seu ADN o respecto polo medio ambiente"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Separación obrigatoria do lixo e bonificación ás boas prácticas no novo servizo Revitaliza da Deputación
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Trinta novas rúas súmanse ao Plan Composta para completar a 'Pontevedra compacta'
Por Alejandro Espiño |