Beluso estrea centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción
O Concello de Bueu inaugurou este venres, 28 de maio, o centro de compostaxe comunitaria de Beluso. Aproveitando a ocasión, instalaron unha mesa informativa no aparcadoiro de Beluso entre as 10:00 e as 13.30 horas, onde explicaron á veciñanza como pode usar o composteiro para reciclar a materia orgánica.
Moitas persoas achegáronse ata o aparcadoiro da Rúa Nova para recoller mostras de compost, plantas, e bolsas de tea, e incribíronse para contar cun composteiro individual nas súas vivendas.
Así mesmo, para participar na recollida, a cidadanía debe separar moi ben os restos orgánicos na casa e, unha vez depositados no composteiro, cubrilos ben co triturado de madeira que sempre hai dispoñible no caixón de estruturante. Unha vez o compost estea elaborado, será repartido entre a veciñanza para que se realice uso del.
Concretamente, este composteiro foi instalado grazas ás subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, cofinanciada con fondos FEDER, e máis o Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra.
Un compostaxe que leva funcionando na vila bueuesa dende hai xa máis de cinco anos, cando se instalaron os dous centros comunitarios na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos.
Tamén, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais entre a poboación interesada; e xestionouse a instalación en case todos os centros educativos da vila.
Por último, nos próximos meses realizarán o reparto doutro lote de composteiros individuais, que a cidadanía poderá solicitar cubrindo un formulario na páxina web municipal.
Relacionadas:
-
A veciñanza de Bueu xa pode coller prestadas as biotrituradoras
Por Redacción |
-
Beluso estreará este venres o seu centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
Dúas de cada tres vivendas do rural pontevedrés xa teñen composteiro individual
Por Alejandro Espiño |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |