Un equipo da Xunqueira I compite na fase galega do certame espacial europeo Cansat
Por Redacción
Máis de medio cento de estudantes de nove institutos participaron este mércores na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea.
Nesta etapa do certame houbo representación pontevedresa a través do equipo Le Sat, do IES A Xunqueira I.
Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, que é unha simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que este mércores se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas.
A inauguración da xornada contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que agradeceu o esforzo de todos os participantes, desde alumnado ata profesorado, e animou aos participantes a "inspirar a outros moitos compañeiros e centros educativos a achegar a importancia da ciencia como valor educativo e cultural".
Todo o proceso de lanzamento foi gravado e documentado e formará parte dun completo vídeo que poderá verse na vindeira sesión do día 2 de xuño. Ese día darase a coñecer o proxecto elixido para representar a Galicia na fase nacional que se celebrará no verán en Granada. Á súa vez, o gañador da competición nacional poderá participar no certame internacional CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA), esta vez de xeito virtual en setembro.
A edición 2021 de CanSat organízase por segundo ano baixo o impulso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago, e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Os alumnos participantes, ademais do grupo Le Sat do IES A Xunqueira I de Pontevedra, foron os equipos Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do IES Eusebio da Garda, na Coruña; PonteSat do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo; SaviSAT do CPI Dr. López Suárez do Saviñao; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR Las Acacias, en Vigo; e Ortisats, do IES Ortigueira.
Relacionadas:
-
O ministro e astronauta Pedro Duque recibe aos alumnos do IES Sánchez Cantón que crearon catro satélites
Por Redacción |
-
Estudantes do Sánchez Cantón impóñense na fase galega do certame CanSat da Axencia Estatal Europea
Por Redacción |
-
Do instituto Sánchez Cantón á carreira espacial
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |