As investigacións sobre presenza de microorganismos no aire, maioritarias en Pontenciencia 2021
Por Redacción
A edición de Pontenciencia 2021 chega ao seu tramo final e este xoves o concelleiro de Educación, Tino Fernández, presentaba acompañado por coordinadores do proxecto e representantes de empresas patrocinadoras os Premios de Investigación que se entregarán nun acto previsto para o vindeiro sábado 5 de xuño na Escola de Forestais do campus pontevedrés.
Durante os días previos, representantes do xurado acudirán aos centros de estudo participantes para avaliar os traballos deste ano nos que participaron máis de 700 estudantes ofrecendo proxectos de investigación nos que primaba a análise dos microorganismos presentes no aire, segundo indicou a coordinadora Saleta González, un tema motivado pola pandemia durante o último ano. A investigación sobre lixo en espazos mariños e nas praias tamén foi outro dos temas máis recorrentes nesta edición.
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación Tino Fernández destacaba a importancia de fomentar a investigación entre os estudantes para promover unha mentalidade aberta e o desenvolvemento do avance científico, que é o que "permite que a sociedade mellore". Neste sentido fixo referencia á importancia que a investigación ten no desenvolvemento das vacinas. "Estamos a comprobalo nas nosas carnes", apuntou Tino Fernández que falou de Pontenciencia como un buque insignia do Concello de Pontevedra e agradeceu o apoio das empresas privadas que se sumaron a este proxecto.
Un total de 17 colexios educativos de Primaria, 22 centros de FP e institutos e 8 familias presentaron 47 investigacións científicas nesta oitava edición do certame, que promove o Concello de Pontevedra a través da Concellería de Educación e a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía.
Haberá cinco premios de 300 euros para as mellores investigacións de temática libre seguindo os pasos do método científico ou proxectos tecnolóxicos tipo prototipo, maker ou invento. 17 xurados compostos por profesores universitarios e membros da Misión Biolóxica e o Instituto de Oceanografía revisarán os traballos.
Os participantes son estudantes de Primaria e Secundaria dos CEIP San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, San Martiño (Salcedo), Marcón, Santo André de Xeve e A Xunqueira II; os CPR Sagrado Corazón de Os Praceres e Sagrado Corazón de Jesús; a Escola de Capataces Forestais de Lourizán; os IES Valle Inclán, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane de Monte Porreiro, Montecelo, A Xunqueira e A Xunqueira I, ademais do Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira.
Relacionadas:
-
1.500 mochilas e bolsas de tea para agradecer o emprendemento científico entre estudantes
Por Redacción |
-
O alumnado dos colexios Sagrado Corazón, Ponte Sampaio e Marcón, protagonistas da terceira xornada de Pontenciencia
Por Redacción |
-
A oitava edición de Pontenciencia xa busca os seus gañadores
Por Redacción |
-
Pontenciencia abre esta semana os obradoiros de formación en método científico
Por Redacción |
-
Liques, incendios e moita matemática para abrir unha Pontenciencia marcada pola pandemia
Por Redacción |
-
Unha decena de centros educativos participan en Pontenciencia a partir do luns 9 de novembro
Por Redacción |