Once anos de prisión para un home que abusou da súa cuñada de 14 anos
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a once anos de cárcere a un home que abusou de forma continuada da súa cuñada, una rapaza que era menor de idade.
Ademais, o tribunal impúxolle cinco anos de liberdade vixiada, a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante doce anos e o pago dunha indemnización de 10.000 euros.
Os xuíces consideran probado que o sospeitoso aproveitaba que a nena, de 14 anos, ía á súa vivenda, situada en Mos, para coidar do seu sobriño para abusar sexualmente dela.
Como consecuencia destes feitos, a vítima sufriu tres ingresos hospitalarios motivados por intentos de suicidio e crises de ansiedade.
O tribunal considera que o testemuño da afectada no xuízo foi "verosímil, coherente e firme". Ademais, indica que está corroborado polos partes médicos de ingresos hospitalarios.
Os maxistrados tamén subliñan que as doutoras que realizaron o informe médico forense sobre as secuelas da menor concluíron que o cadro clínico que presentaba "se debía ao estrés postraumático relacionado coa súa relación co acusado".
O xuízo celebrouse a porta pechada o pasado mes de febreiro.