O PP advirte que o Concello prepara as rúas da cidade para que "arrase" o futuro multamóbil
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros do PP, Jacobo Moreira e María José Rodríguez, propuxeron este venres en rolda de prensa que as novas limitacións de aparcamentos se axusten unicamente ao horario de entrada e saída dos centros educativos. Os populares que dixeron estar de acordo co espírito da iniciativa, denunciaron que tal e coma está regulado agora o estacionamento no contorno dos colexios só hai un "afán recaudador".
Recordemos que, a día de hoxe, a prohibición de estacionamento no contorno dos centros escolares esténdese desde as 8 horas da mañá ás 21 do serán, polo que entenden que a medida agocha un obxectivo exclusivamente fiscal da política de sancións.
"La regulación del estacionamiento no tiene otra finalidad que la de multiplicar la rentabilidad del futuro multamóvil", dixo Moreira. Hai máis de tres meses o Concello anunciou que adquiriría este moderno vehículo para controlar o aparcamento urbano. "Durante esas 13 horas los coches sólo pueden parar durante 15 minutos en esos espacios, una forma de regulación idónea para las características del multamóvil".
Os concelleiros do PP recolleron as queixas dos veciños afectados, "unha situación especialmente grave é a dos veciños de Campolongo xa que as edificacións da zona carecen de garaxes", sinalou María José Rodríguez "ou o caso da rúa da Barca, coa prohibición nas dúas beirarrúas e nunha zona sen case actividade comercial".
POLÍTICA FISCAL
A de hoxe non foi a primeira vez que o PP denuncia ese afán fiscal da política de sancións que executa a Policía Local. En varias ocasións ten criticado o espectacular incremento das previsións orzamentarias en materia de recadación neste campo. Deste xeito, mentres que en 2010 se esperaban uns ingresos de 900.000 euros por este concepto, ao final superouse a cifra de 1,2 millóns apañados; en 2011 foron xa 1,3 e o ano pasado, segundo os datos recollidos na liquidación do orzamento municipal, recadáronse nada menos que 1.832.649,22 euros.
"El incremento casi puede considerarse indecente, sobre todo teniendo en cuenta que no se afronta prácticamente ni una sola actuación tendente a mejorar la fluidez del tráfico y mucho menos darla alternativas de aparcamiento a los conductores", manifestou Moreira.