A pandemia dispara á saúde mental
Por Manu Otero
Ansiedade, problemas de soño, irritabilidade, depresión... Son sensacións que, polo ritmo de vida da sociedade actual, boa parte da poboación experimentou nalgún momento da súa vida. Pero foron os efectos da pandemia da covid-19 os que os descontrolaron. Desde o decreto do estado de alarma, as consultas a profesionais da saúde mental disparáronse ata o punto de que nin o sistema público de saúde nin a clínica privada son capaces de absorber toda a demanda.
"A Atención Primaria e o sistema público de saúde están moi pouco preparados para afrontar problemas de saúde mental. A vía de entrada na saúde mental é o médico de Atencion Primaria, que son os que máis están a percibir os cadros de inicio. Nas unidades de saúde mental tamén estamos a notar un aumento da demanda. Pero o que é incrible é que na consulta privada, que non había lista de espera practicamente, agora haina de meses e mesmo compañeiros teñen a cota pechada porque non poden recibir máis xente", destaca Laura Pérez Méndez, psicóloga clínica que exerce en en o centro de saúde de Mollavao, en Pontevedra, e que forma parte da Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas.
A incerteza provocada pola crise sanitaria, social e económica da pandemia é a responsable deste empeoramento da saúde mental. "É unha situacion completamente nova para todo o mundo, afecta a toda a poblacion a nivel psicolóxico. É certo que nos primeiros meses afectaba dunha forma, logo doutra e agora doutra", puntualiza a profesional.
Nos inicios da pandemia os sentimentos experimentados pola poboación era de incerteza e temor "porque viamos que a xente morría e os hospitais estaban saturados", recoñece Pérez, quen engade que co paso dos meses a tensión xerada fixo que os efectos psicolóxicos da situación sanitaria acabe afectando a un sector moito máis amplo e xeneralizado da sociedade.
Con todo, hai colectivos que o están levando peor que outros e entre os profesionais da saúde mental existe moita preocupación pola situación dos adolescentes. "No sector da adolescencia estamos a ver unha maior demanda de atención por trastornos da alimentación, condutas autolesivas e mesmo tentativas autolíticas en xente moi nova. Sospeitamos que ten que ver con esta situación vivida", subliña a psicóloga, quen constata un crecemento do número de persoas "coa súa saúde mental afectada" con respecto á época prepandémica.
Os casos de ansiedade e depresión son os que máis aumentaron, recoñecen os profesionais. Non obstante, Pérez matiza que "non hai máis casos de patoloxía mental grave, senón un agravamento deses casos e tamén máis afectación xeral ata o punto de necesitar axuda psicolóxica e medicación en máis poboación".
Con todo, a orixe deste empeoramento xeneralizada da saúde mental non é culpa da covid-19. "A pandemia xerou a crise da saúde mental? Non, a pandemia acelerouna. A sociedade xa estaba mal antes, pero agora démonos conta", afirma Iago López Roel, doutor en psicoloxía e especialista en benestar e rendemento.
O confinamento dos primeiros meses de pandemia serviu para que a sociedade baixara o ritmo, parara a pensar e decatárase de moitos problemas que levaban meses arrastrando. "Cada un tivo as súas propias revelacións. Hai moita xente que se deu conta de que lle faltan determinados dereitos que podería ter", explica Roel.
A clave para solucionar este grave problema está na prevención e na educación. "Nas universidades ensináronnos a todos a curar, non a previr. Non hai prevención. Nos colexios non nos ensinan a xestionar problemas de forma emocional. Ademais, temos unhas expectativas e unhas crenzas sociais que son moi daniñas e que non curan só con ir ao psicólogo. Hai que ter a saúde mental como unha prioridade", reclama o doutor.
"A saúde física é importante, pero a mental tamén, pódeche chegar a incapacitar senón a coidas. A xente ve incapacidade mental en quedar na cama coa luz apagada e en estado depresivo. Pero esa incapacidade véxoa tamén na baixa produtividade en todo. No laboral e nas relacións sociais. Se tes ansiedade, ti podes vivir e traballar, pero non o vas facer ben e derivará en rupturas de amizades ou de parella. Existe unha incapacidade da que non nos demos conta porque vivimos co piloto automático", reflexiona López Roel.
A conxuntura laboral tampouco contribúe a mellorar o estado anímico das persoas. "O 30 % das baixas laborais en España son causadas pola tensión. E cada vez hai máis estudos que revelan que diversas enfermidades polas que collemos baixas son xeradas tamén pola tensión", puntualiza o psicólogo.
Á marxe da influencia das esixencias do traballo, asegura Lópe Roel que "o principal problema son as expectativas". "Estamos a desenvolver demasiado a cultura de marca persoal e a longo prazo iso non é bo. Hai que facerse notar e ter boa imaxe, pero todo o mundo quere ser protagonista e depender do reforzo constante de terceiras persoas xera tensións", engade o psicólogo.
Por iso, os expertos recomendan un cambio profundo na mentalidade individual e unha análise profunda no rumbo que tomou a sociedade como solución a longo prazo para os problemas de saúde mental. "Temos as expectativas moi mal asentadas. Temos unha idea de mellora constante e esa idea vai relacionada coa idea de éxito. Para nós éxito é ter unha casa, moito diñeiro, parella e fillos", explica Roel.
Con todo, a pandemia provocou un terremoto nestas aspiracións. "Producíronse perdas de traballo, de poder adquisitivo e cambios en plans vitais", engade Laura Pérez para xustificar esta crise psicolóxica. "Estas frases do tipo: o que non che mata faiche máis forte ou se queres podes, son un engano brutal. Unha persoa que perdeu aos seus pais, o seu traballo e divorciouse, vai saír máis forte? Non. Tense que adaptar ao cambio porque vai ter outro tipo de vida", apunta Iago Roel.
Con todos estes cambios inesperados a ninguén lle estraña que os individuos precisen atención psicolóxica e, aínda que de forma lenta e tardía, o sistema está a empezar a poñer os medios necesarios para saír desta crise. "Sanidade está a facer un esforzo por empezar a coidar a saúde mental, que nunca estivo coidada. O que pasa é que contratar agora a tres, catro ou sete psicólogos non chegará a ser suficiente nin para o que facía falta hai 10 anos. Seguimos a remolque. Hai conciencia e presión social para que isto téñase en conta, pero queda moito camiño por andar", recoñece Laura Pérez.
De feito, o final da pandemia comeza a albiscarse, pero o pico dos problemas de saúde mental está aínda por chegar. "Aínda estamos vivindo as consecuencias da crise do 2008. Agora veu esta, que ten máis conescuencias a nivel psicolóxico. Non vexo carcana a baixada do pico, quizá cheguemos pronto, pero logo teremos unha meseta, pero para que baixe vai pasar tempo", augura a profesional do Sergas.
Nunha liña similar pronúnciase o doutor López Roel, que pide aos gobernos un plan a longo prazo. "Hai que traballar na saúde mental cun plan a 10 ou 15 anos. E centrarse nos nenos para que nun futuro teñan unha saúde mental mellor", conclúe.
Relacionadas:
-
PontevedraViva Radio estrea 'A min tamén me pasa', un podcast de psicoloxía e sexualidade con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
RADIO.- Depresión, unha enfermidade en aumento e con escasos profesionais en toda a sanidade pública
Por Marisa Ciordia |
-
A saúde mental en tempos de pandemia pasa a primeiro plano este martes en Montecelo
Por Redacción |
-
Amizade denuncia problemas de accesibilidade na senda do Lérez
Por Redacción |
-
RADIO.- A covid-19 aumentou o estrés, a ansiedade, os trastornos do soño e a irascibilidade
Por Marisa Ciordia |