Cerdedo-Cotobade amplía o seu persoal para poñer baixo control a maleza e mellorar a imaxe dos seus espazos públicos
Por Redacción
Operarios do Concello de Cerdedo-Cotobade levan a cabo estes días un amplo operativo de limpeza nos camiños interiores do núcleo de Cerdedo, así como na carballeira de Fondós e na súa pista polideportiva. Unha actuación que se realiza todos os anos e que coincide coa incoporación de 26 novos traballadores, contratados con fondos do Plan Concellos da Deputación.
Ademais da eliminación de maleza nestes espazos, os operarios asumen tamén labores de mantemento e reparación de fontes, asadores e demais mobiliario urbano afectado polas inclemencias do tempo, o mal uso e actos vandálicos.
"Ademais dun traballo de limpeza e embelecemento tamén se está mellorando a imaxe dos lugares por onde se actúa e se contribúe a que espazos de convivencia veciñal, como a carballeira de Fondós e a pista polideportiva estean en perfecto estado para o disfrute do lecer da veciñanza e dos visitantes que agora co bo tempo se achegan ata o noso municipio", declarou o alcalde Jorge Cubela.