Xornada de portas abertas para concienciar sobre a diversidade sensorial
Por Redacción
O Concello de Bueu programou actividades para concienciar á poboación sobre a diversidade sensorial, con motivo da celebración do Día Nacional da Lingua de Signos. O 12 de xuño desenvolverase unha xornada de portas abertas da man da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA) no municipio.
A concelleira de Promoción Económica Silvia Carballo indicaba este xoves a importancia de dar visibilidade a estas persoas e por este motivo desenvólvese un proxecto de fomento da accesibilidade e a inclusión, e que inclúe accións tanto formativas como de concienciación. Durante esta presentación participaban tamén María Jesús Monterde e Marta García Prado, integrantes do equipo directivo XOGA.
O sábado 12 ás 10.30 horas poñerase en marcha un curso básico de lingua de signos, destinado a persoas maiores de 16 anos, previa inscrición a través do formulario que se atopa na páxina web municipal.
Ás 11.30 horas, a Praza Massó acollerá unha exposición sobre 'A Comunidade con Diversidade Sensorial' e unha sesión de contacontos en lingua de signos para menores con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos.
Ás 12.30 horas, a xornada finalizará cunha conferencia sobre a diversidade sensorial analizando os recursos e os estereotipos que rodean ás persoas afectadas.
A partir de setembro, o goberno local ten previsto organizar dous cursos de formación básica en lingua de signos. Un deles destínase á cidadanía en xeral e outro será para persoal municipal para promover unha administración totalmente accesible, segundo manifestou a concelleira.