O 18 de xuño finaliza o prazo en Caldas para solicitar autorización para as fogueiras de San Xoán e San Pedro
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis abre o prazo para solicitar a realización das fogueiras das festas de San Xoán e San Pedro o xoves 24 e o martes 29 de xuño. A petición pódese presentar ata o venres 18 deste mes a través da sede electrónica municipal ou de maneira presencial nas oficinas municipais, sempre previa solicitude de cita.
Desde o goberno local lembran que están permitidas exclusivamente aquelas fogueiras tradicionais en parcelas e propiedades privadas. Permanecen prohibidas as cacharelas de tipo público ou comunitario. O motivo atópase no escenario de emerxencia sanitaria por covid-19.
Todas as fogueiras deberán cumprir estritamente a normativa recollida na Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia e as actividades que se celebren ao redor deberán tamén cumprir coas normas establecidas con motivo da pandemia. Por tanto, é necesario respectar límites de capacidade, horarios e medidas de seguridade obrigatorias como o uso da máscara.