Poio perfila un plan para esterilizar os gatos que viven na rúa
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantiveron hai uns días unha reunión con representantes do colectivo Bigotes Felinos, unha agrupación que, desde a súa creación hai preto dun ano, está a desenvolver un labor moi importante en todo o municipio no que ao coidado de gatos se refire. O obxectivo deste encontro serviu para que as integrantes da agrupación desen parte do traballo realizado desde o verán pasado, intre no que puxeron en marcha a asociación, e para establecer liñas de colaboración co Concello.
O goberno local amosou a súa predisposición a facer un labor conxunto e coordinado para conseguir que se vaian retirando os gatos da rúa “de xeito progresivo, seguro e controlado”.
Estudan a posibilidade de poñer en marcha no menor tempo posible un programa CES (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias de gatos existentes nas parroquias do municipio. De feito, xa se actuou recentemente en Combarro e ao longo desta semana tamén se fará na Caeira, onde tamén se reforzarán os controis.
Ase mesmo, ambas entidades tratarán de concienciar á poboación de que os coidados e atenciónss que precisa un gato son os mesmos que un can e fan especial fincapé en que son "especialmente importantes cuestións como a esterilización, que axuda a impedir que continúe o aumento de animais abandonados nos espazos públicos".
"Realizan un labor moi importante, de xeito totalmente altruísta, que resulta vital para axudar a consolidar ese coidado e esa retirada progresiva dos gatos da rúa”, indica o alcalde.
Relacionadas:
-
137 gatos foron esterilizados este mes de novembro na campaña de 'Castro, luego existo'
Por Redacción |
-
Poio anima a esterilizar os gatos para evitar que aumenten as colonias felinas
Por Redacción |
-
Buscan os responsables do abandono dunha gata nunha bolsa precintada
Por Oskar Viéitez |
-
Bigotes felinos de Poio pide axuda urxente para que 'Levi' reciba atención veterinaria
Por Redacción |