Sanxenxo reforza este verán o Plan Concilia, que empezará o 23 de xuño
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reforzará e diversificará este ano a oferta do Plan Concilia, un programa destinado ás familias que necesitan compaxinar a vida laboral e familiar durante o verán.
As actividades darán comezo o próximo 23 de xuño tras a firma esta semana dun convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Xuvenil Saraiba do Mar.
O plan conta con dúas propostas complementarias, coordinadas polas concellerías de Educación e Deportes, en dúas localizacións diferentes, os pavillóns municipais de Baltar e A Florida, aínda que en ambas as propostas priorizarase a estancia ao aire libre en espazos públicos do municipio.
O pavillón municipal de Baltar acollerá a modalidade deportiva, en horario de 8 a 16 horas, pensada para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, nos que se practicarán baloncesto, fútbol, voleibol praia, balonmán, béisbol e xogos na natureza.
O pavillón municipal da Florida acollerá a proposta lúdica para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, en horario de 8 a 15 horas. Realizaranse veladas nocturnas, saídas ás praias, xogos tradicionais, xogos grupais, xogos de auga, manualidades e contacontos.
O número máximo de prazas por quincena é de 100 participantes. Nas dúas modalidades, estableceranse grupos fixos e estancos de 10 nenos por monitor para garantir o cumprimento do protocolo de seguridade. Os participantes e monitores deberán usar máscara e tomaráselle a temperatura á entrada das instalacións.
As familias que queiran a quenda de 9.00 a 15.00 horas deberán pagar unha cota de 60 euros por unha quincena, 90 por un mes, 170 por dous meses e 200 polo programa completo. Se a familia necesita ampliar o horario, de 8.00 a 9.00 horas ou de 15.00 a 16.00 horas, deberase abonar 10 euros por quincena.
As familias interesadas deberán encher a inscrición, que estará colgada na web municipal, no apartado de Educación, Cultura e Xuventude, por participante e indicar a modalidade de concilia escollida. Para máis información poderán chamar ao teléfono 605 438 128 ou ao 986 724 297.
Relacionadas:
-
O Plan Concilia de Sanxenxo arrinca con 167 rexistrados e unha lista de espera de 7
Por Redacción |
-
Sanxenxo planifica coas ANPAS a xestión dos comedores e o plan madruga
Por Redacción |
-
A volta ao cole en Sanxenxo: triplican as limpezas e regulan os accesos para evitar aglomeracións
Por Redacción |
-
Un total de 43 familias solicitan praza no Plan Concilia Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo ofertará 80 prazas nos campamentos estivais de Baltar e Vilalonga
Por Redacción |